O pleno aproba inicialmente o orzamento municipal, que supera os 3,9 millóns de euros

0

A corporación municipal celebrou este xoves á tardiña un pleno ordinario que apenas chegou aos 50 minutos de duración e no que se aprobou, practicamente sen debate, a proposta de orzamento do Concello para o ano 2025. A contía supera lixeiramente os 3,9 millóns de euros e saíu adiante cos votos favorables do BNG, mentres que o PP e o concelleiro do PSdeG-PSOE optaron por absterse. A exposición do documento e as intervencións dos grupos ocuparon tan só 11 minutos dun pleno que incluíu tamén a aprobación dunha moción sobre o sostemento público dos SAF, os festivos locais de 2026, a declaración unánime reclamando o cesamento do xenocidio na franxa de Gaza -da que xa informamos onte– e varios asuntos na quenda de rogos e preguntas.

O orzamento municipal aprobado inicialmente para 2025 ascende a 3.918.154,79 euros, o que supón un incremento do 5,01% respecto ao exercicio anterior. Segundo o Goberno local, o documento mantén o equilibrio entre ingresos e gastos e presenta un marcado carácter prudente, cunha previsión realista baseada na execución dos últimos anos e nas subvencións xa confirmadas ou previstas.

En canto á estrutura, o capítulo de operacións correntes representa case o 80% do total, con 3,1 millóns de euros destinados ao funcionamento ordinario da administración local, incluíndo os gastos de persoal (1,47 millóns) e o mantemento de servizos (1,45 millóns). Cómpre destacar tamén o esforzo do Concello por manter a prestación directa de servizos como a axuda no fogar ou a escola infantil, asumindo con recursos propios competencias que, segundo o Executivo local, deberían ser financiadas pola Xunta.

O capítulo de investimentos reais elévase ata os 783.576,75 euros, cunha parte maioritaria financiada con transferencias da Deputación da Coruña e, en menor contía, pola Xunta de Galicia. Estas actuacións inclúen melloras en camiños, rede de saneamento e abastecemento, eficiencia enerxética en instalacións deportivas, dotación de mobiliario e equipamento cultural, así como outros investimentos.

A memoria explicativa dos orzamentos tamén incide na falta de sensibilidade da Xunta cara á situación financeira dos concellos, destacando que o Fondo de Cooperación Local leva conxelado unha década e que os custos de servizos como a escola infantil, malia seren cualificados como gratuítos, están a recaer nas arcas municipais por mor dunha aportación autonómica insuficiente.

A exposición do argumentario das contas e o seu posterior debate duraron arredor de 11 minutos. Á oposición abondáronlle só uns instantes para pronunciarse ao respecto. O edil do PSdeG posicionouse na abstención, non sen antes agradecer o traballo do persoal técnico para elaborar o documento. Juan Alberto Rivera considerou a suba orzamentaria como “razoable para o equilibrio entre ingresos e gastos”, ao tempo que reclamou un maior financiamento dos servizos por parte das “institucións con competencias”. O PP, que tamén se abstivo, limitouse a describir o orzamento como “máis ou menos unha copia das contas do ano pasado”, recoñecendo o incremento nos investimentos reais e criticando que a partida dedicada a bolsas escolares e subvencións “sexa a mesma”.

Moción do BNG en defensa do sistema público de coidados
Outro dos puntos relevantes foi a aprobación da moción presentada polo BNG sobre o sistema público de atención á dependencia e o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que contou tamén co apoio do PSdeG-PSOE, mentres que o PP se abstivo. A iniciativa reclama que a Xunta reverta de inmediato os recortes aplicados en dependencia e que se incremente o financiamento por hora da axuda no fogar, como mínimo, até os 20 euros, mellorando tanto a atención ás persoas usuarias como as condicións laborais das traballadoras.

A moción denuncia que Galicia é o territorio que menos inviste por persoa dependente e que, no primeiro semestre de 2025, máis de 1.000 persoas deixaron de recibir o SAF. Critícase tamén a aposta da administración autonómica por un modelo privatizador e asistencialista que traslada de novo os coidados ao fogar, recaendo maioritariamente sobre as mulleres. O texto reclama un cambio de rumbo nas políticas sociais e un compromiso firme co fortalecemento da rede pública de coidados. A proposta de acordo foi apoiada polo BNG e o concelleiro de PSOE, mentres que o PP se abstivo.

Os festivos locais de 2026 e declaración sobre Palestina
A corporación tamén aprobou por unanimidade a designación dos festivos locais para o ano 2026. As datas escollidas son o martes 17 de febreiro, coincidindo co Entroido, e o xoves 2 de xullo con motivo da festividade de Santa Isabel.

Durante a sesión tamén se aprobou unha declaración institucional para reclamar o cesamento do xenocidio que Israel está a perpetrar na Franxa de Gaza contra o pobo palestino. O texto, que contou co respaldo unánime dos tres grupos da corporación e pode lerse aquí, insiste na urxencia dunha resposta firme da comunidade internacional para deter as mortes causadas polos bombardeos sistemáticos e pola situación de fame xeralizada promovida por Israel ao impedir a entrada de alimentos, medicamentos e outros bens básicos.

O último tramo da sesión reservouse para a quenda de rogos e preguntas. A oposición interesouse polos ruídos a altas horas denunciados pola veciñanza próxima á casa de turismo rural do Outeiro, polo recoñecemento ao mestre xubilado Manolo Seco -impulsor do volei en San Sadurniño- e pola caída dunha póla no lavadoiro do Chao de Lamas.

Share.