“Tivo Galicia reis antes que Castela leis”. Como ocorre con moitos ditos populares, esta frase encerra unha verdade histórica que non adoita abordarse nas aulas, malia estar ben documentada pola historiografía. E é que un dos primeiros reinos europeos —probablemente o primeiro— foi o reino suevo de Gallaecia, creado no século V. Aquel territorio abranguía a metade noroeste da Península, desde o Texo ata parte da cornixa cantábrica. O que non sabemos é que símbolos empregaban aqueles monarcas para se identificaren. En realidade, non é ata o século XI cando aparece a primeira referencia a un escudo pertencente a un rei galego. E habería que agardar dous séculos máis para atopar o primeiro exemplo dun símbolo do Reino de Galicia, que aínda mudaría en varias ocasións ao longo dos seguintes 600 anos. A interpretación do estandarte que debía estar vixente nos séculos XV e XVI, o do copón rodeado de cruces sobre fondo azul, ondea desde este mércores no punto máis alto do castelo de Naraío, como lembranza da identidade de Galicia como reino e como símbolo dos momentos de maior relevancia histórica da fortaleza.
O primeiro símbolo real do que se ten constancia documental é o do león, animal forte e afouto que adoptou como propio o rei Afonso VII aló polo século XI. O animal sería empregado tamén polo seu fillo Fernando II e polo neto, Afonso VIII (Alfonso IX), quen reinou entre 1188 e 1230 sobre Galicia e sobre León -que vén do latín legio, lexión, non do animal- nunha época de grande esplendor cultural, social e económico. O león era o “logotipo” real, aínda que non o dos reinos. É dicir, o estandarte identificaba a coroa como exhibición de poder e selo distintivo, pero non era unha bandeira dun territorio determinado. De feito, cando Fernando III consegue facerse cos reinos de Castela, León e Galicia, as divisións territoriais permanecen, pero o seu escudo pasa ser un resume das coroas que atesoura: o león por Galicia e León e as torres por Castela.
A cousa é que naquel tempo por Europa adiante deseñábanse os chamados armoriais ou libros de armeiría, que eran catálogos de todos os escudos de armas coñecidos. E entre eles está o Segar’s Roll, datado no século XIII, onde aparece o escudo de “España” -co león e as torres- e tamén o de Galicia mostrando tres cálices sobre fondo azul (“campo de azur”, en termos heráldicos). Crese que o deseño, feito en Inglaterra, é unha interpretación libre que responde a unha asociación fonética entre as palabras galicia e cáliz e, sexa como for, nunca foi empregado por ningún rei de aquí nin tampouco era representativo de ningún territorio, polo menos naquel primeiro momento.
Porén, o símbolo do cáliz sobre fondo azul foi evolucionando e empezou a ser aceptado como identificador dun país, Galicia, que acabaría importándoo, segundo se cre, por vía marítima. Viveiro e Betanzos -dous dos portos de referencia no comercio co resto do continente- plasman na pedra e ben á vista cadanseu escudo con cinco copas aló polo século XV.
Andando o tempo, entre o 1500 e o 1600 os cálices pasan ser copóns e o fondo azul énchese primeiro con trevos e logo con cruces. De feito, na serie de gravados das “Pompas fúnebres do emperador Carlos V”, obra dos irmáns Doetecum, aparecen cabaleiros portando o estandarte con esa aparencia. O Concello de Moeche adoptou hai uns anos esa referencia para coroar o seu castelo. Agora é o de San Sadurniño quen fai o propio no castelo de Naraío, onde desde onte se mostra no punto máis alto da torre da homenaxe unha grande bandeira azul co copón e as cruces amarelas.
“Aínda que non existe constancia de que ningún rei usase ese símbolo, si que hai constancia histórica de que se empregou como icono para representar a Galicia como reino. Era unha convención, unha interpretación que nos identificaba como país a finais da Idade Media e empezos da Idade Moderna. É algo que debería estudarse nas escolas como parte da nosa historia”, apunta Secundino García Casal aludindo ás investigacións efectuadas por estudosos como Alexandre Peres Vigo ou Anselmo López Carreira.
A evolución do símbolo do Reino de Galicia non se detivo na bandeira que ondea desde onte na fortaleza de Naraío, senón que continuou na época da Contrarreforma -séculos XVII e XVIII-, cando o poder da Igrexa católica mudou o copón para convertelo nunha custodia. A partir do século XVIII volverá o copón e máis adiante o cáliz, ata quedar co escudo actual do cáliz, a hostia e as sete cruces sobre fondo azul, que data de 1972.
Cómpre lembrar, porén, que no 1937, en plena Guerra Civil, Castelao publicou na revista Nova Galiza o artigo “Os novos símbolos da Nova Galiza”. No artigo describe o seu proceso creativo -e de xustificación histórica e política- para propoñer o tan coñecido escudo da serea co lema “Denantes mortos que escravos” cunha fouciña amarela e unha estrela vermella no centro, como “emblemas do traballo e a liberdade”.