O Entroido tomará San Sadurniño este venres

0

San Sadurniño prepárase para unha das celebracións máis esperadas do ano: o Entroido. Cultura programou para este venres 13 de febreiro unha dobre cita festiva, cunha proposta de tarde para a cativada e outra de noite para a mocidade e a xente adulta. A partir das 17:00h, a Casa da Cultura converterase nun espazo de xogos, obradoiros, inchables e desfile de disfraces, coa animación de La GuaGua e sen necesidade de inscrición. Xa pola noite, desde as 21:00h, o patio cuberto do CPI acollerá o concurso de disfraces para maiores de 13 anos. Repartiranse seis premios en forma de vales para consumir na hostalaría local, como culminación dunha troula animada por DJ Sebas e The Five band. As inscricións nas distintas categorías do concurso de máscaras están abertas ata a noitiña do venres. 

A festa infantil abrirá a programación ás 17:00h na Casa da Cultura cun formato pensado para gozar en familia. Haberá espazo para crear, brincar e moverse ao ritmo da animación, ademais dun desfile no que cada nena e neno poderá lucir o seu traxe sen trámite previo nin inscrición.

A partir das 21:00h, a troula cambia de escenario e de público: o CPI de San Sadurniño será o punto de encontro para o baile de máscaras, que inclúe o concurso de disfraces dirixido a persoas maiores de 13 anos. As bases establecen que cada participante só poderá presentarse a unha única categoría e que será imprescindible pasar polo escenario, xa que o desfile é o momento no que o xurado realizará a súa valoración. Tamén se recollen cuestións importantes como a prohibición de participar con animais e a obriga de manter unha actitude respectuosa… dentro do que cabe, tendo en conta que o Entroido se caracteriza pola irreverencia.

O concurso estrutúrase en tres modalidades: individual, grupo e comparsa. A categoría individual é para persoas a partir de 14 anos, mentres que os grupos deberán estar formados por un mínimo de tres integrantes e un máximo de oito. No caso das comparsas, as bases refírense ás agrupacións de máis de oito persoas cunha proposta con disfraces relacionados tematicamente e con animación musical. Ademais, as comparsas poderán presentar no escenario unha pequena actuación de entre 3 e 5 minutos (musical, coreográfica ou escénica) e, se levan música, deberán facilitarlla á organización en formato mp3 para reproducila pola megafonía do evento.

Á hora de decidir os premios, o xurado —formado por persoas alleas á organización— terá moi en conta a creatividade e o traballo detrás de cada disfrace. Valorarase a orixinalidade, a estética e a caracterización, pero tamén o uso de materiais de refugallo reciclados e a inspiración en fontes culturais. O espectáculo tamén conta: a posta en escena, a interacción co público, a sátira e a crítica social sumarán puntos, igual que a conservación do Entroido tradicional e o uso do galego. A decisión será inapelable e poderá declararse deserto algún premio se non se acada un nivel axeitado de participación ou calidade.

En total entregaranse seis premios, todos eles en forma de vales para consumir en restaurantes do concello. Na categoría individual xuvenil (14 a 18 anos) o primeiro premio será de 35€. En individual adulta, o primeiro premio tamén será de 35€ e o segundo de 30€. Para grupos repártense dous vales, de 120€ e 110€, mentres que as comparsas optarán a un único premio de 300€. O concurso desenvolverase de 21:00 a 23:00h e a entrega de premios está prevista para as 23:30h, coa festa xa en marcha grazas á música de DJ Sebas e The Five band.

O Concello ten aberta a inscrición no concurso desde o pasado 2 de febreiro.  Poderá facerse ata este venres ao ao mediodía pola sede electrónica (con instancia xeral e a folla de solicitude), por correo en agustin.perez@sansadurnino.gal ou presencialmente na Casa da Cultura, de luns a venres, entre as 9:00 e as 14:30h. Para quen decida apuntarse a última hora, tamén se poderá formalizar a inscrición na propia festa ata as 21:15h. A orde de saída no desfile dependerá da orde de inscrición, empezando pola modalidade individual.

Máis entroidadas para a semana
O carnaval de San Sadurniño non parará nas festexadas do venres, senón que proseguirá con máis citas, todas elas concentradas no sábado 21. Ese día está programado o xantar de Entroido en Bardaos, organizado pola comisión de festas. Servirán cocido completo, incluída sobremesa e bebida, a 35€ (20€ no caso da rapazada de 6 a 11 anos e gratis a menor de seis anos). Da parte musical encargarase o dúo The Voice. Hai que apuntarse antes do 15 nos teléfonos 618 903 612, 646 287 494, 626 457 182 ou 603 818 233.

Por outra banda, tamén o sábado 21, en Naraío a AVV O Castelo celebra o seu entroido no local social da Veiga, cunha sesión infantil a partir das 17:30h animada pola empresa de lecer Noliños e un baile de máscaras que comezará a iso das 22:30h animado pola solista Mery.

Pola tarde –seguimos no sábado 21– Teatro Ghazafelhos representará na Casa da Cultura ás 18:00h e con entrada gratuíta a obra familiar “H2…Oh!”, baseada no libro homónimo de María Canosa. Os convites poden reservarse en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919.

O calendario entroideiro péchao -que nós saibamos por agora- a Asociación veciñal de Santa Mariña do Monte cun xantar a base de cocido que terá lugar no local social o sábado 28 de febreiro. O prezo: 30€ persoas socias, 35€ non socias e de balde a rapazada menor de 15 anos. Empezan con sesión vermú ás 13:00h -tocará o Dúo Caramelo- e pola tarde, despois do xantar, haberá baile de disfraces con premios para as mellores máscaras. Para o cocido hai que anotarse antes do 23 de febreiro nos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310.

Folla de inscrición  no concurso de disfraces
Bases do concurso de disfraces

Share.