O Goberno local de San Sadurniño levará ao pleno ordinario do próximo 31 de xullo un proxecto para a mellora de tres camiños nas parroquias de Santa Mariña do Monte e Ferreira. O orzamento total da intervención ascende a 34.550,59 euros e inclúe cinco actuacións na Castiñeira, na Esperanza, nas Filgueiras e en Santiso, o que suporá ampliar en 1,2 quilómetros os arranxos en pistas municipais xa previstos para este ano. As obras financiaranse con cargo ao segundo programa adicional do POS+ da Deputación da Coruña, co que tamén se acometerán melloras noutras vías municipais. Unha vez superado o trámite plenario, o Concello licitará o proxecto de inmediato coas miras postas en que o procedemento e as obras -que sairán a contratación cun prazo máximo de execución de 4 meses- estean completados para inicios ou mediados do outono.
O proxecto responde á necesidade de renovar o firme de tres camiños en cinco puntos que presentan un desgaste importante debido ao uso e ao paso do tempo. Pistas que son esenciais para a conectividade entre lugares e para o acceso a parcelas agrícolas e forestais.
Así, na parroquia de Santa Mariña do Monte melloraranse dous tramos do camiño da Castiñeira -cun total de 510 metros- e un segmento de 200 metros da pista que discorre polo lugar da Esperanza. En Ferreira, as actuacións centraranse tamén en dous tramos danados da pista que baixa desde a Leiriña até Moeche, concretamente o comprendido entre os desvíos de Santiso e Lapas de Abaixo, de 325 metros de lonxitude, e o que vai desde o cruzamento das Filgueiras até o límite co concello veciño, de 210 metros. Tanto estes de Ferreira coma os de Santa Mariña teñen un ancho medio de entre 3,5 e 3,75 metros, ampliado en puntos como cruzamentos e accesos.
As obras comezarán cunha limpeza e reperfilado das cunetas co obxectivo de eliminar vexetación e sedimentos arrastrados pola chuvia. Logo repararanse os desperfectos existentes mediante a aplicación de grava compactada intercalada con tratamentos asfálticos. Nalgúns tramos deteriorados aplicarase un rego semiprofundo para garantir a regularidade da plataforma.
A fase final consistirá na extensión dunha nova capa de rodadura con dobre tratamento superficial de emulsión bituminosa e saburra, reforzada incluso un terceiro rego en zonas que o requiran. O proxecto tamén contempla actuacións complementarias como a reposición de accesos, desatoado de taxeas ou a mellora de sinalización.
O proxecto completará o orzamento consignado pola Deputación dentro do POS+ Adicional 02, que suporá unha achega de 209.000 euros. O Concello contaba xa con obras aprobadas por valor de 181.000 e preparou este novo paquete de intervencións para sufragalo cos 28.000 euros restantes. Deste xeito o Concello só tería que asumir os custes do ive do prezo final da obra.
Iso si, para que estas obras entren no POS+, antes será necesario aprobalas en pleno. Algo que, salvo imprevistos, ocorrerá na sesión ordinaria do último xoves deste mes de xullo. Unha vez superado este trámite, o Concello poderá licitar as obras. Sairán a contratación en 34.550,59 euros, impostos incluídos, sobre un prazo máximo de execución de catro meses. Ambas cifras, prezo e prazo, poderán verse reducidas nas propostas que presenten as empresas concursantes.
Todas as obras que sufragadas este ano con fondos provinciais do POS+ poden consultarse neste mapa: