O Concello investirá máis de 100.000 euros nun novo proxecto de mellora da rede viaria

0

O Concello de San Sadurniño levará a cabo proximamente un proxecto co que se mellorarán arredor de 1,8 quilómetros da rede viaria municipal nas parroquias de Lamas e Naraío. As actuacións, orzamentadas en 102.145,74 euros, financiaranse ao abeiro das axudas para actuacións en camiños rurais 2026-2027 convocadas pola AGADER con cartos do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural. As actuacións previstas servirán para aglomerar o eixo Vilela-Bouzarrara-A Fontela, en Lamas, e tamén para asfaltar dúas das pistas de acceso ao Pico, en Naraío.

A actuación de maior envergadura desenvolverase no camiño de Vilela-Bouzarrara-A Fontela, na parroquia de Lamas, nun treito de 1.300 metros de lonxitude e de 4,75 metros de ancho medio. Neste treito aplicarase unha capa de rodadura de aglomerado asfáltico en quente de cinco centímetros de espesor. Unha mellora que irá precedida  do saneamento de baches e daqueles puntos máis deteriorados para crear unha base resistente para o novo pavimento. O plan técnico contempla, ademais, o pintado de bandas lonxitudinais en ambas marxes do percorrido xunto con marcas nos cruzamentos.

Segundo recolle o proxecto, o firme actual é resultado de sucesivas regas asfálticas con saburra que, co paso do tempo e o tráfico, foi volvéndose máis irregular. O aglomerado solucionará este problema, ademais de mellorar considerablemente a drenaxe da calzada, co obxectivo de que o tránsito pola pista sexa máis cómodo e tamén máis seguro, incluso nos días de auga.

Por outra banda, en  Naraío actuarase sobre  dous camiños que levan ao núcleo do Pico, un desde a Vila (240 metros) e outro desde O Piñeiro (215 metros). Neste caso optarase por un dobre tratamento superficial con regas asfálticas mesturadas con saburra, xa que se trata de pistas que rexistran un tráfico menos intenso.  Canda o reforzo do firme, o Concello tamén instalará dous sinais de stop e abrirá un novo sumidoiro no Piñeiro para encanar as escorrentías.

As obras que se executarán en Lamas e en Naraío inclúen, como primeiro labor, a limpeza e o reperfilado de cunetas e o igualado das zonas máis deformadas. O prazo máximo de execución estímase en catro meses desde o inicio dos traballos. Un tempo que, igual que o prezo, seguramente se vexa sensiblemente reducido nas ofertas que presenten as empresas que opten ao contrato no momento en que se convoque.

O orzamento base da licitación ascende a 102.145,74 euros, impostos incluídos. Porén, o Concello de San Sadurniño só terá que asumir o importe do IVE -algo máis de 17.000 euros, se a obra se adxudica polo tipo-, xa que o prezo antes de impostos estará cuberto pola asignación de 84.417,97 euros do programa de actuacións en camiños rurais 2026-2027 da AGADER  destinado á mellora de pistas de titularidade municipal que dan servizo a núcleos de poboación e explotacións agrarias.

Este proxecto sumarase durante os próximos meses aos outros xa previstos con financiamento do POS+ da Deputación da Coruña. Sadurniño presentou ao plan de obras provincial oito programas cuantificados en 370.000 euros nos que se incluíron 17 actuacións ao longo de 12 quilómetros da rede viaria municipal.

Share.