O Concello entrega os lotes da campaña “Polo Nadal, consumo local”

0

Este mediodía -máis ben primeira hora da tarde- o salón de plenos de San Saduniño acolleu a entrega dos lotes da campaña “Polo Nadal, consumo local”, promovida pola área de Desenvolvemento Local para dinamizar o comercio do municipio durante as festas que acaban de rematar. Nela repartíronse cerca de 18.000 papeletas que os establecementos colaboradores entregaban con cada compra ou consumición. A cambio, a posibilidade de ganar sete cestas cun valor unitario de 70 euros e outras tres valoradas en 140 euros cada unha, todas elas cargadiñas de cousas moi saborosas e, ademais, elaboradas en Galicia. 

O alcalde de San Sadurniño, Secundino García Casal, destacou precisamente que todo o produto dos lotes fose de aquí “de quilómetro cero”, xa que o obxectivo do Concello non só era o de por en valor a atención e o servizo de proximidade que ofrecen os testablecementos locais, senón tamén reivindicar “a calidade de todo o que produce o noso rural”.

E é que as cestas, efectivamente, viñan cheíñas de elaboracións autóctonas exquisitas, en maior cantidade no caso dos tres premios principais, aos que se optaba con papeletas por compras superiores a 10€ (as de menos desa contía entraban no sorteo das cestas de 70€).

Ollando o contido dunhas ou doutras podíanse atopar viños das denominacións de orixe Ribeira Sacra e Rías Baixas, galletas Maruxas, zumes e conservas da Fusquenlla ou embutidos de porco celta, ademais de biscoitos e outros doces que as dez persoas premiadas recolleron hoxe de mans da concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro.

Desde o Concello quere agradecerse a grande participación da veciñanza de San Sadurniño -moi comprometida co seu tecido comercial e hostaleiro- e tamén doutros lugares, xa que algúns dos lotes marcharon para outros municipios da zona.

O Goberno local tamén quere expresarlle a súa gratitude aos cerca de trinta establecementos que participaron este ano na campaña, quen entregaron 177 talonarios de rifas -17.700 papeletas-, 82 correspondentes a compras inferiores a 10 euros e outros 95 distribuídos entre a clientela que efectuou compras maiores dese importe.

 

 

Share.