O Concello de San Sadurniño vén de formalizar o convenios anuais de colaboración coa Escola de Fútbol Irmandiños e co Club Voleibol Aldebarán de cara a promover a práctica deportiva, especialmente entre a rapazada e a mocidade. O convenio coa Escola de Fútbol Irmandiños, dotado con 6.000 euros, foi asinado este xoves polo alcalde, Secundino García Casal, e o presidente da entidade, Alberto Todosantos Serantes, nun acto ao que tamén asistiu o concelleiro responsable da área de Deportes, Manel Martínez Pérez. Pola súa banda, o acordo co Club Voleibol Aldebarán, que ascende a 30.000 euros, xa foi subscrito polo Concello e o club hai unhas semanas.
A subvención nominativa concedida á Escola de Fútbol Irmandiños ten por finalidade apoiar a actividade de fútbol base que a entidade desenvolve en varios concellos da comarca, incluído San Sadurniño. O acordo céntrase no seguimento do calendario oficial de liga e copa da Real Federación Galega de Fútbol nas categorías prebenxamín, benxamín, alevín, infantil e xuvenil, combinando a práctica deportiva coa formación en valores e hábitos saudables.
No documento do convenio tamén se subliña que a colaboración municipal responde ao interese xeral de ofrecer alternativas de lecer e deporte como ferramenta de integración social e promoción da saúde. O Concello destaca que, ao non contar con medios persoais e materiais suficientes para unha actuación equivalente, a cooperación co tecido asociativo deportivo convértese “nunha vía fundamental” para garantir estas actividades no territorio.
Polo que respecta ao Club Voleibol Aldebarán, o convenio establece unha achega municipal de 30.000 euros, tamén para o exercicio 2026, cun carácter prepagable trala sinatura. O obxectivo é afianzar o desenvolvemento do voleibol dentro do municipio e apoiar tanto a actividade de base como a proxección exterior dun deporte minoritario, no que o club participa incluso en competicións de ámbito estatal.
Entre os compromisos asumidos polo Aldebarán figura a colaboración coa Concellería de Deportes na dirección técnica, organización e desenvolvemento anual da Escola Deportiva Municipal de Voleibol, cunha duración de nove meses ao ano. O acordo recolle tamén a coordinación necesaria para o correcto funcionamento da escola.
Ambos convenios inclúen cláusulas relativas á visibilidade institucional e ao cumprimento de valores sociais. As entidades comprométense a empregar a imaxe corporativa do Concello na súa publicidade e comunicación, así como a utilizar a lingua galega, unha linguaxe inclusiva e mensaxes que promovan igualdade e a inclusión. Ademais, tanto a EF Irmandiños como o Aldebarán deberán sumarse ás campañas municipais de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.
No plano económico, os dous acordos fixan como data límite para a xustificación dos gastos o 30 de novembro de 2026, debendo ter presentadas para daquela as memoria das actividades desenvolvidas e a documentación acreditativa das facturas e pagamentos.
Con estes dous acordos, o Concello “reafirma o seu compromiso co deporte local”, apuntou o alcalde, Secundino García Casal, ao tempo que lembrou que o apoio municipal para os clubs e non se limita unicamente aos convenios que se acaban de rubricar. “Ademais das subvencións nominativas para o Aldebarán e a EF Irmandiños, este ano tamén se van convocar de novo as axudas en concorrencia competitiva para clubs e entidades deportivas, das que poderán beneficiarse os colectivos que non asinan convenio”.
O rexedor comenta que proximamente se convocará a liña de subvencións xeral para actividade deportiva, que vai moverse nunha cifra similar á do ano pasado (16.000 euros). Deste modo, e en espera de que se confirme o orzamento da nova convocatoria, a contía total para apoiar o tecido asociativo local relacionado co deporte sumaría entre convenios e liña competitiva un total de 52.000 euros, “unha das cifras máis altas da comarca a pesar de sermos un municipio de tan só 2.800 habitantes”.