As nenas e nenos de 3º e 4º curso de primaria do CPI de San Sadurniño pasaron hoxe pola Casa da Cultura para celebraren un día especial, o día que simboliza a reivindicación da igualdade plena para a muller na sociedade. Fixérono ao seu xeito, con lecturas cargadas de mensaxe e demostrando, unha vez máis, que as xeracións que veñen aí serán as que promovan o cambio que aínda falta por facer. A actividade estivo organizada polo departamento de Igualdade, o colexio público e a Biblioteca Municipal.
O evento comezou pouco despois das doce da mañá cunha pequena presentación a cargo da concelleira de Igualdade, Ana Belén B. Gundín, que lle falou á rapazada sobre o significado deste día instituído en1975 no que “persoas adultas e menores, a través das nosas voces, representaremos os dereitos, a participación e a igualdade das mulleres cos homes”. A concelleira lembrou que a elección do 8 de marzo como Día da Muller vén recordar un episodio ocorrido nos Estados Unidos no ano 1908, cando 129 mulleres perderon a vida por iren á folga pedindo salarios iguais aos dos homes, a redución da xornada laboral e un tempo para poder aleitar as súas criaturas.
Desde o escenario da Casa da Cultura convidouse a que os nenos e nenas reflexionasen sobre os cambios sociais conseguidos desde aquela, pero tamén sobre a necesidade de seguir avanzando. Deste xeito a rapazada leu varios textos seleccionados coa axuda do profesorado que reflicten as preguntas que eles e elas como parte da sociedade deben facer nun día coma hoxe, ou, mellor aínda, todos os días. ¿Por que se celebra o 8 de marzo?, ¿como foi a vida das mulleres e nenas ao longo da historia?, ¿cales foron os logros da humanidade máis reseñables protagonizados por mulleres?, ¿hai diferenzas entre nenas e nenos?, ¿por que fai falla compartir as tarefas na casa? foron só algunhas das cuestións que a cativería -e tamén os seus mestres e a bibliotecaria municipal- foron respostando con textos traballados na clase e cunha escolma de poemas que, dun xeito ou doutro, tocan o tema da igualdade.
Nomes coma o de Marie Curie, Clara Campoamor, Concepción Arenal, Hipatia de Alexandría ou Rosalía Castro soaron na Casa da Cultura, ben por seren pioneiras na arte e nas ciencias ou por teren aberto un burato no muro do patriarcado cos seus actos, a súa escrita e o seu ideario.
Os actos centrais, o venres 18
O Concello continúa a tradición de sacar do propio día 8 os actos centrais de conmemoración do Día Internacional da Muller e por iso este ano a data celebrarase o venres 18 na Casa da Cultura a partir das 18.30h. cunha completa programación en feminino.
O evento arrancará cunha breve presentación por parte da titular da área de Igualdade, Ana Belén B. Gundín para despois darlle paso á proxección da curtametraxe “O tempo da mazá”, dirixida polo realizador Miguel Mariño dentro do proxecto Chanfaina Lab.
O programa incorpora a dramatización do conto “As mulleres de Torneiros” a cargo do grupo A Tropa de Trapo. A historia describe un traballo de equipo e de amizade onde varias mulleres comparten anécdotas, medos, prexuízos, ilusións e esforzos para viviren unha grande aventura.
O acto de celebración do Día Internacional da Muller pechará coa proxección dunha peza referida ao programa “Tempos para compartir” e coa actuación do grupo de baile tradicional da AC As Aturuxeiras acompañadas das nenas da escola municipal de pandeireta.
– See more at: http://workplace.afaisca.com/gl/novas/contenido/0374_gl.html#/-1/