Naturgy promove un curso gratuíto sobre a posta en servizo de instalacións eólicas

0

A eléctrica Naturgy vai iniciar nas próximas semanas unha acción formativa gratuíta vinculada ao proxecto de repotenciación do Parque Eólico Novo, instalación que San Sadurniño comparte cos concellos de Narón e Valdoviño. A iniciativa forma parte do plan de formación asociado a este proxecto, que recibiu axudas do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), e busca facilitar novas oportunidades de capacitación, ben sexa para mellorar a empregabilidade no sector eólico ou para ampliar coñecementos sobre este sistema de produción. As preinscricións poden facerse a través desta ligazón.

O curso, titulado “Operacións e Posta en Servizo de Instalacións de Enerxía Eólica”, ten como obxectivo que as persoas participantes coñezan os requisitos técnicos, a xestión e as operacións habituais nun parque eólico. O contido abrangue desde o funcionamento da rede eléctrica e a conexión das instalacións á rede ata a configuración mecánica e eléctrica dos aeroxeradores, así como as manobras de operación e posta en servizo, incluídas as medidas de seguridade necesarias neste tipo de infraestruturas.

Máis en detalle, o programa abordará os sistemas eólicos e a súa relación coa rede eléctrica, o funcionamento dos sistemas polifásicos e os procesos de produción, transporte e subministración de enerxía. Tamén se verán os principais elementos dun parque eólico, como a estrutura xeral da instalación, a subestación eléctrica, as estacións meteorolóxicas e os sistemas de telemando e telecontrol.

Outro dos bloques ocuparase da xestión do parque, con contidos sobre documentación e identificación de activos, estudos de eficiencia, mantemento, xestión económica e organización do persoal, repostos e stocks, ademais do uso de indicadores e tecnoloxías da información.

A parte práctica, por último, repasará as manobras habituais de explotación, a operación manual e automática, a operación local e remota, a realización de probas e medicións e os procedementos de enerxización, posta en servizo e paro da instalación. O curso complétase cun apartado específico sobre seguridade e protocolos aplicables tanto á operación como ao mantemento.

A formación desenvolverase entre este mes febreiro e o 15 de maio, cunha duración total de 56 horas. Impartirase en modalidade en liña asíncrona, o que permite acceder aos contidos de maneira flexible e sen horarios fixos. O curso é totalmente gratuíto.

A proposta está dirixida a persoas que desexen mellorar a súa empregabilidade, a persoal docente e alumnado de Formación Profesional de familias relacionadas co ámbito —como Enerxía e Auga, Electricidade e Electrónica, Instalación e Mantemento, Automatización e Robótica Industrial ou Fabricación Mecánica—, así como a profesionais do sector enerxético con interese en ampliar coñecementos.

As inscricións deben realizarse a través do formulario en liña do curso “Operaciones y Puesta en Servicio de Instalaciones de Energía Eólica”. Para máis información, as persoas interesadas poden contactar no correo electrónico mjmacias@ikn.es

Share.