A plataforma municipal de contratación acaba de abrir o prazo de recepción de ofertas para levar a cabo o contrato de mellora da eficiencia enerxética dos vestiarios e do campo de fútbol municipal dos Currás. O proxecto inclúe a substitución da antiga instalación eléctrica de auga quente sanitaria por outra que funcione cunha caldeira de pellets, así como o cambio a led dos focos da cancha que aínda estaban pendentes de ser renovados. Esta intervención busca reducir o consumo enerxético e mellorar as condicións de uso das instalacións deportivas. A obra conta cunha subvención de 60.000 euros do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. O orzamento total supera os 110.000 euros, IVE incluído, e as empresas do sector interesadas en executar os traballos teñen de prazo ata as 23:59h do día 16 de setembro para presentaren as súas propostas.
Segundo se recolle nos pregos, no espazo baixo as bancadas do campo, onde se encontran os vestiarios, instalarase unha nova caldeira de pellets, en substitución dos antigos termos eléctricos, xunto cun depósito de 1.500 litros de capacidade. O cambio está dimensionado para atender as necesidades de auga quente sanitaria dos Currás, onde adestran e xogan tanto o CF San Sadurniño como os equipos de base da escola de fútbol Irmandiños. Ademais, o paso de quentadores por resistencia eléctrica a un novo sistema que funcionará con biomasa tamén suporá un notable descenso na factura da luz.
Por outra banda, no terreo de xogo o Concello proseguirá coa substitución das lámparas de sodio de alta presión por modernos proxectores led deseñados especificamente para a iluminación de competicións deportivas. En 2019 xa se cambiaran a metade dos antigos focos e agora, con esta intervención, completarase a mudanza. Esta transformación inclúe tamén a posta ao día do centro de mando e dos sistemas de protección e control, logrando así mellores niveis lumínicos e un consumo eléctrico máis baixo.
Segundo subliña o Executivo local, ademais do aforro enerxético, a nova configuración técnica “está pensada para durar máis anos e cun mantemento moito máis doado”, afirma o alcalde, Secundino García Casal. O mandatario engade que estas actuacións na área deportiva dos Currás “van na liña de seguir mellorando en eficiencia en termos ambientais e económicos”.
García Casal destaca, por último, que tamén se ganará “en comodidade das instalacións”, posto que dispor de mellores condicións lumínicas e un sistema de quecemento da auga máis rápido e eficiente “notarase especialmente nos adestramentos do outono e do inverno, que é cando se fai un uso máis intenso dos focos e cando máis enerxía se require para quentar a auga das duchas”.
O investimento total previsto ascende a máis de 104.036,32 euros (e arredor de 110.000 sumando a redacción do proxecto e a dirección de obra), dos cales 60.000 proveñen dunha achega autonómica do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local, destinado a apoiar actuacións vinculadas á eficiencia enerxética e ao aproveitamento de fontes renovables en municipios de menos de 15.000 habitantes.
A licitación do contrato está publicada desde este mércores na plataforma de contratación electrónica do Concello. As empresas teñen até antes do remate do día 16 de setembro para achegar as súas propostas técnicas e económicas.