José Roberto Fernández, recoñecido co II Premio Bernardino de Lamas

0

O realizador José Roberto Fernández López (Villafranca del Bierzo, 1955) é o ganador do II Premio Bernardino de Lamas que outorga o Concello de San Sadurniño como recoñecemento a aquelas persoas destacadas polo seu activismo no cinema amador. O xurado do galardón, integrado polo equipo organizativo do Chanfaina lab, destacou no seu fallo a fonda relación de Fernández coa paisaxe e a cultura galegas, ademais da súa afinidade co espírito libre e experimental do encontro audiovisual que se celebra en San Sadurniño. O galardón, consistente nunha figuriña artesá das Lolas da Cascarilla, seralle entregado dentro dunha semana, o sábado 7 de marzo, no transcurso da gala de estrea das curtas da décima edición do festival, que se celebrará na Casa da Cultura. 

A decisión foi adoptada por deliberación democrática entre as candidaturas propostas polas persoas integrantes do xurado, composto polo equipo organizativo do X Chanfaina lab. No caso de José Roberto Fernández López valorouse especialmente unha traxectoria “comprometida co cinema de natureza” da que resultou “unha ampla filmografía centrada nas paisaxes, na fauna e na flora de Galicia”.

Nado en Villafranca del Bierzo (León) en 1955 e residente en Valdoviño desde 1984, Fernández López é biólogo e profesor xubilado de ensino secundario. O seu interese polo cinema de natureza comezou nos tempos do formato Súper 8 e continuou posteriormente co vídeo analóxico e dixital,  sempre enfocado nas mensaxes ambientais “que el produciu cos seus propios medios e recursos”, destaca o xurado.

Ao longo da súa traxectoria obtivo numerosos premios nacionais de fotografía, cine e vídeo relacionados coa natureza, como por exemplo os outorgados polo Ministerio de Educación e Ciencia e polo certame de Investigación Científica e Técnica “Ingeniero Comerma” de Ferrol. A súa produción máis recente é unha longametraxe documental dedicada á Lagoa de Valdoviño, exemplo da súa querencia pola divulgación ambiental e a posta en valor do patrimonio natural galego.

José Roberto Fernández López recibirá o Premio Bernardino de Lamas na tarde do sábado 7 de marzo, xusto ao comezo da gala de estrea das curtametraxes filmadas o pasado mes de setembro dentro do X Chanfaina lab.

O galardón non ten dotación económica, pero si simbólica, xa que leva por nome un dos alcumes cos que asinou os seus artigos o xornalista,  intelectual galeguista e cineasta afeccionado Alfonso Piñón Teixido (Ferrol, 1887 – Madrid, 1973). O Concello de San Sadurniño instituiu o premio en 2025 coa vontade de distinguir unha persoa viva comprometida co cinema non profesional, valorando a independencia creativa, a coherencia, a relación coa identidade galega e a afinidade co espírito libre do Chanfaina lab. Na súa primeira edición o premio recaeu no escritor, profesor e cineasta experimental Alberte Pagán.

Canle de José Roberto Fernández López en Youtube
Canle de José Roberto Fernández López en Vimeo

Share.