Desde primeiros de ano xa non se paga o imposto pola transmisión das parcelas rústicas

0

A Xunta de Galicia, por medio da Lei 13/2015, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 249, do 31/12/2015), veu modificar o Imposto de transmisións patrimoniais onerosas e actos xurídicos documentados para facilitar a mobilización das terras con vocación agraria que se atopan en estado de abandono e que poden ser aproveitadas por explotacións agrarias que precisen máis superficie. A modificación supón unha dedución do 100% na cota das transmisións de solo rústico.

O cambio normativo significa, na práctica, a desaparición total de gravame, polo que o imposto deixa de ser un obstáculo para a realización destas operacións. En todo caso, cómpre ter en conta que o beneficio fiscal opera só sobre o solo rústico e non sobre as construcións que poidan existir sobre el.

Outra modificación introducida é a de que se eleva ao 100% o beneficio nas cotas establecidas na Lei 19/1995, de modernización das explotacións agrarias, de xeito que quedan totalmente libres de gravame operacións como as transmisións totais ou parciais de explotacións agrarias, o aumento do tamaño das explotacións ou as transmisións a persoas agricultoras mozas.

Por último, o novo articulado favorece a adquisición por parte das persoas agricultoras profesionais de predios rústicos para incorporalos ás súas explotacións, cunha dedución do 100 % da cota do gravame sobre actos xurídicos documentados que recae sobre as agrupacións de predios rústicos. Así, elimínase a tributación do documento notarial que recolle a devandita agrupación polo que, unha vez adquiridos os predios sen custo fiscal, a agrupación rexistral destes tampouco o terá.

Con estas medidas agárdase facilitar a mobilidade e a compra-venda de parcelas rústicas de cara a ampliar a base territorial e mellorar a xestión das explotacións agrarias.

Share.