San Sadurniño vai ser durante os próximos meses o lugar onde se desenvolva o proxecto “Hai que verse nelas!” impulsado polas cooperativas Arabías e Illa Bufarda, coa colaboración do Instituto de las Mujeres -organismo dependente do Ministerio de Igualdad- e do Concello de San Sadurniño. Trátase dunha iniciativa que propón crear un grupo interxeracional de mulleres de 13 anos en diante -e tamén homes que queiran sumarse- que traballará durante varios meses arredor da comunidade, das relacións e dos coidados, utilizando a fotografía e a creación artística desde unha perspectiva feminista. O proceso desenvolverase en 13 sesións de dúas horas, entre marzo e outubro, con datas e horarios que se consensuarán coas persoas participantes o día da presentación, que terá lugar na Casa do Concello o venres 20 a partir das 18:30h. “Hai que verse nelas!” é un proxecto aberto, pero require inscrición a través do correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou do teléfono/Whatsapp 673 903 922. O último día para apuntarse é o 18.
A iniciativa ten como obxectivo principal construír un grupo interxeracional co que traballar arredor de conceptos relacionados co feminismo, a igualdade, o retrato feminino, a fotografía e a arte comunitaria. En cada unha das sesións traballarase arredor de distintos aspectos, todos conectados pola fotografía e a arte, abordándoos en grupo para reflexionar e tentar dárlle resposta a cuestións de grande relevancia, como por exemplo quen son as persoas que asumen os coidados da comunidade, que papel desenvolveron e desenvolven as mulleres das nosas familias e na veciñanza, como conseguir un San Sadurniño máis libre de machismo e de violencias… ou como retratar e como retratarnos para transmitirlle á comunidade estas ideas.
O proxecto está concibido en encontros de dúas horas que se desenvolverán polas tardes entre o mes de marzo e o mes de outubro. Comezará con varias sesións de traballo entre marzo e abril onde, a través de dinámicas participativas, se verán temas como a igualdade, o rol histórico das mulleres ou a importancia dos coidados. A partir de maio empezaranse a traballar as distintas técnicas fotográficas do retrato como vehículo de reflexión, á súa vez, sobre como se autorretratan e se perciben a si mesmas as persoas participantes, apoiándose ademais nas imaxes de álbums familiares e fotografías do concello.
A terceira parte do proxecto, entre setembro e outubro, terá formato de acción artística comunitaria. Faranse retratos que logo se imprimirán gran tamaño para penduralos en sitios determinados de San Sadurniño. O obxectivo final é crear unha exposición fotográfica de grande formato para poñer en valor os coidados da comunidade e aquelas persoas que seguen a facer posible (dunha maneira invisibile) que toda a veciñanza vivamos nunha contorna amable e segura.
“Hai que verse nelas! é un proxecto participativo no que queremos formar un grupo de persoas novas, adultas e maiores que se interesen pola fotografía e que se animen a formar parte dunha acción artística comunitaria que finalizará cunha exposición ao aire libre por San Sadurniño. Trátase dun proxecto diferente e innovador dinamizado por Arabías, que leva desde 2018 traballando neste tipo de iniciativas, e por Illa Bufarda, que se ocupará da parte técnica e máis creativa grazas aos seus 13 anos de experiencia fiando historias a través do audiovisual, a fotografía, o deseño e a comunicación”, explica a concelleira de Igualdade, Araceli Bellas.
As persoas interesadas en “Hai que verse nelas!” teñen de prazo ata o 18 de febreiro para enviar un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal. Tamén poden chamar ou mandar un Whatsapp ao 673 903 922. Ademais, poden asistir á presentación programada para o venres 20 ás 18:00h na Casa do Concello, onde Arabías e Illa Bufarda explicarán con máis detalle en que consiste a iniciativa. Na presentación tamén se marcarán os días e horarios dos obradoiros, buscando facilitar a máxima participación.
