Cheo na galería municipal para a apertura de “Primixenias”

0

San Sadurniño estreouse hoxe como punto de partida da itinerancia de “Primixenias”, unha mostra que combina cerámica e fibras vexetais para repensar a tradición desde unha ollada actual e feminista. A exposición, froito da complicidade creativa entre a cesteira Luisa da Silva e a oleira Carme Romero, poderá visitarse ata finais de outubro na galería municipal, convertida de novo en escaparate para as artes plásticas, tal e como reivindicou durante a inauguración o alcalde, Secundino García Casal.

“Primixenias” compóñena cerca dunha vintena de pezas moi meditadas que se foron xestando durante os últimos tres anos, grazas á colaboración entre Luísa da Silva e Carme Romero. O barro entretécese con bimbios, palla e outras fibras nunha serie de figuras que traen ao presente a tradición cunha proposta moi vangardista, de par que feminista.

Á apertura da exposición asistiron amizades das creadoras, xente da cultura, veciñanza e membros do Goberno local. O alcalde, Secundino García Casal, agradeceulles a Da Silva e Romero que elixisen San Sadurniño como primeira parada desta mostra que circulará nos próximos meses por outros puntos da comarca.

García Casal tamén falou das boas condicións que ofrece a galería municipal para acoller actividades culturais e exposicións, ademais de destacar a súa función democratizadora das artes plásticas.
As autoras, pola súa banda, volvéronlle o agradecemento ao Concello por terlles facilitado un lugar tan acaído para exhibir a colección. Tamén comentaron como enfrontaron o proceso creativo e as dificultades técnicas que atoparon para combinar cerámica e fibras vexetais nunha mesma obra.

A inauguración rematou cun delicado recital de voz e guitarra de Iria e Candela Quintía Romero, fillas de Carme, musicando dous poemas da propia ceramista.
“Primixenias” pode visitarse no horario de apertura da Casa do Concello: de luns a venres -agás festivos- de 8:30 a 14:00h.

Share.