O antigo grupo escolar de Igrexafeita xa parece outro. O que antes eran uralitas furadas, paredes con fendas e vidros rotos, hoxe amósanos unha imaxe ben distinta e renovada malia ter que ollala entre andamios e sinais evidentes dun traballo en marcha que aínda tardará unhas semanas en completarse. Desde que se retomaran as obras aló a empezos de setembro, o edificio recubriuse cun moderno illamento térmico e acústico, botóuselle un novo tellado, instaláronselle as fiestras e recubríuselle o chan, ademais de contar xa con falsos teitos e con boa parte do cableado interior. Mesmo se montou a estrutura do elevador exterior que, con total seguridade, será o elemento máis característico dunha rehabilitación deseñada co obxectivo de converter a vella escola nun centro de abordaxe terapéutica do alzhéimer e outras demencias. O investimento na obra está cuantificado en 300.000 euros, financiados na súa maioría pola Deputación da Coruña grazas a un acordo asinado en agosto de 2022 entre Secundino García Casal e o vicepresidente provincial, Xosé Regueira.
O edificio mantén, a simple vista, o mesmo volume que tiña en orixe, que só se viu incrementado pola nova envolvente dos bloques de poliestireno -o famoso SATE- e polo recebo que se está aplicando na fachada, nos laterais e na parte traseira do inmoble. E é que un dos cometidos da obra é, precisamente, o de adaptar unha construción de máis de 60 anos aos estándares actuais de eficiencia enerxética.
O outro obxectivo dos traballos é garantir que sexa accesíbel. Por iso está previsto construír unha rampa lateral e instalar un ascensor dentro da estrutura que xa se ve no exterior, xusto no centro da fachada. O elevador irá separado do corpo principal para non comer espazo interior nin tampouco deixar inutilizado o xa de por si reducido oco da escaleira.
No interior tamén hai cambios importantes. O chan, xa colocado, é totalmente novo e tanto o baixo como o primeiro andar ofrecen agora cinco espazos con distintas superficies que se destinarán a oficinas, salas de xuntas e locais multiusos. Hai uns días, cando visitamos a obra, estaban listas as paredes e os falsos teitos, ademais dos vidros e as carpintarías metálicas das fiestras.
“O traballo avanza a bo ritmo, a pesar de que o tempo non axudou demasiado e retrasou os traballos de recebado da envolvente”, comenta Secundino García Casal. O alcalde non oculta a súa satisfacción ao ver que “a obra marcha” despois das vicisitudes polas que pasou o proxecto, que se viu interrompido en 2023 polo abandono da anterior adxudicataria, obrigando ao consistorio a volver licitar o proxecto “con todo o que iso supuxo en canto a prazos, revisión de documentación e outras cuestións administrativas”, aclara o rexedor.
Aínda que “falta moito traballo por facer”, o Executivo local confía en que, se non hai imprevistos, a obra poida estar concluída nos primeiros compases de 2026. “Hai que rematar a instalación eléctrica, acondicionar o interior e poñer a calefacción, ademais do ascensor”, detalla o alcalde ao tempo que xa avanza “o deseño doutro pequeno proxecto” para acondicionar o resto da parcela cunha zona axardinada e prazas de estacionamento axeitadas.
Todo para que o antigo grupo escolar de Igrexafeita se reconvirta, previsiblemente en colaboración con AFAL Ferrolterra, “nun novo servizo centrado na estimulación terapéutica de persoas que padezan alzhéimer ou outros tipos de demencias”, explica García Casal. Estímase que, unha vez en marcha, nas instalacións poderán ser atendidas unhas dez persoas por unidade durante catro horas diarias, cun funcionamento similiar ao dun Centro de Día “onde as usuarias e usuarios poderán facer distintas actividades coordinadas por profesionais con moita cualificación en terapias cognitivas. Neste sentido o centro tamén vai moi enfocado ás familias, dándolles tempo de respiro e un asesoramento especializado moi necesario para que tanto elas como as persoas afectadas se adapten o mellor posible á súa nova situación”.
A intervención na escola de Igrexafeita está cuantificada en 299.850,69 euros. Dela está encargándose a construtora Ambientum, Tratamiento Global del Medio Ambiente S.L., despois de que en 2023 a primeira adxudicataria abandonase as obras a pouco de inicialas por desacordos co Concello. A Deputación da Coruña apoia o proxecto cunha achega de 240.000 euros.