A Xunta de Galicia convoca a súa liña anual de subvencións para persoas traballadoras autónomas, que constan dos seguintes programas:
- Programa I: promoción do emprego autónomo das persoas traballadoras autónomas (TR341D), destinado a apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como persoas traballadoras autónomas, cofinanciado pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027.
- Programa II: nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas (TR790A), destinado a facilitar a volta á actividade económica da persoa traballadora autónoma que non tivo éxito no seu anterior intento.
- Programa III: bono das persoas traballadoras autónomas (TR341Q), destinado a apoiar a consolidación de proxectos que superaron os 42 meses de vida, co obxecto de mellorar a súa competitividade.
- Programa IV: bono remuda das persoas traballadoras autónomas (TR353D), destinado a evitar o peche de negocios por falta de remuda xeracional.
- Programa V: axudas á conciliación das persoas traballadoras autónomas (TR341R), destinado a apoiar e promover a conciliación das persoas traballadoras autónomas.
Programa I: Promoción do Emprego Autónomo (TR341D): Para apoiar as persoas desempregadas que inicien a súa actividade empresarial como autónomas. Poden acollerse aquelas que figuren inscritas como demandantes de emprego e que se dean de alta no RETA ou réxime equivalente entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Liña 1: Axuda para o inicio de actividade e mantemento do emprego, con contías que varían segundo colectivos prioritarios (mulleres, mozos, discapacidade, etc.) 2.000€ (xeral) ata 7.000€.
Liña 2: Axuda equivalente á “cota reducida” da Seguridade Social por 12 meses (ou 24 meses para os sectores agrícola, gandeiro e silvícola).
Programa II: Bono Nova Oportunidade (TR790A): Co que se busca facilitar a volta á actividade de persoas autónomas que cesaron o seu negocio anteriormente e queren emprender de novo. Poderán acollerse aquelas que cesasen na súa actividade previa, estean inscritas como demandantes de emprego e inicien unha nova alta como autónomas en Galicia. Iso si, deberán ter iniciado a nova actividade antes de presentar a solicitude e estar dado de baixa no IAE da actividade precedente.
A contía da axuda é única: 7.500€ (+500€ se a beneficiaria é muller).
Programa III: Bono Autónomo (TR341Q): Para apoiar a consolidación de proxectos empresariais xa existentes para mellorar a súa competitividade. Esta liña diríxese a persoas autónomas con proxectos que superen os 42 meses de vida. Non poden solicitalo as persoas autónomas administradoras (salvo que posúan unha porcentaxe mínima do capital social) nin quen xa percibira esta mesma axuda nalgunha das últimas cinco convocatorias.
A achega cubrirá o 60% do investimento realizado, cun máximo de 7.000€ de axuda total.
Programa IV: Bono Remuda (TR353D): Liña orientada a evitar o peche de negocios que son economicamente viables por falta de remuda xeracional. Poderán beneficiarse delas persoas que recollen o testemuño dun negocio que pecha por xubilación, incapacidade ou falecemento da persoa titular. A persoa que transmite o negocio e a que o recibe (remudista) quedan vinculadas para a concesión da subvención. O remudista non pode estar en situación de xubilación activa.
A axuda poderá chegar ao 75% do custo da remuda, cun máximo de 30.000€.
Programa V: Axudas á Conciliación (TR341R): Para apoiar a conciliación da vida familiar e laboral das persoas autónomas. Haberá tres posibilidades en forma de bonos.
- Bono Autónomo Concilia I: Contratación dunha persoa para substituír á persoa autónoma durante o descanso por nacemento, adopción, acollemento ou risco durante o embarazo/lactación. A contía será de 7.500€ (xeral) ou 9.000€ (mulleres, mozos, discapacidade…).
- Bono Autónomo Concilia II: Contratación de persoas para o coidado de menores ou maiores/dependentes no domicilio. A contía será de 7.500€ (xeral) ou 9.000€ (mulleres, mozos, discapacidade…).
- Bono Autónomo Concilia III: Axudas para o custo de centros e servizos de conciliación. Cubrirá os gastos de gardaría/centros.
As contratacións dos servizos subvencionados deberán estar feitas entre o 1 de outubro de 2025 e o 30 de setembro de 2026.
Prazo de solicitude: para os cinco programas o prazo é o mesmo, isto é, dende o 11/02/2026 ás 09:00h. ata o 30/09/2026 ás 20:00h.