Convocatoria coa que se pretende favorecer a creación de emprego estable e o crecemento de pequenas unidades produtivas mediante incentivos á contratación de persoas desempregadas e a súa formación. Este programa inclúe dous tipos de axudas compatibles entre si:
- Bono de contratación por medio do cal se proporcionará unha subvención para a contratación indefinida inicial de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.
- Bono de formación(opcional) por medio do cal se proporcionará unha subvención ás persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, para que leven a cabo accións formativas dirixidas ás persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio desta orde, co obxecto de mellorar os seus coñecementos e as habilidades relacionadas co posto de traballo.
Persoas beneficiarias: Persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia, pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.
Bono de incentivos á contratación
Serán subvencionables ao abeiro deste programa as contratacións que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que as persoas contratadas sexan desempregadas.
b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 1 de outubro de 2025 e ata o 30 de setembro de 2026, ambas as dúas datas incluídas.
c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.
d) Que estean comunicadas ao Servicio Público de Emprego a través da aplicación Contrat@ no prazo de 10 días hábiles desde o seu inicio
Contía dos incentivos: As contías máximas posibles, de se aplicaren todos os incrementos en función dos colectivos e os casos, serían de 14.400 euros para a primeira persoa traballadora indefinida, e de 17.600 euros para a segunda e terceira persoa traballadora indefinida.
Bono de incentivos á formación
As persoas autónomas ou profesionais que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun bono para a formación das persoas traballadoras cuxos contratos se subvencionan por medio do bono de contratación previsto nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:
a) A persoa traballadora que recibe a formación e titorización ten que ser a mesma cuxo contrato se subvenciona a través do bono de contratación e, polo tanto, cumprir os mesmos requisitos que se establecen no artigo 25 desta orde.
b) A duración da acción formativa será dun mínimo de 70 horas de formación teórica en contidos relacionados co posto de traballo a que asista integramente a persoa traballadora que participa neste programa.
Contías dos incentivos e condicións da percepción: Esta formación incentivarase cunha axuda de 2.000 euros por cada persoa traballadora.
Prazo de solicitude: dende o 11/02/2026 ás 09:00h. ata o 30/09/2026 ás 20:00h.