A doazón de sangue é un xesto de solidariedade e altruísmo que pode salvar a moitas persoas. O lema “doar sangue é doar vida”, utilizado desde hai anos pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue de Galicia (ADOS), destaca a relevancia desta acción, vital para o funcionamento do sistema sanitario, e máis aínda cando ocorren desgrazas como foi no seu día o accidente de Angrois, cun elevado número de persoas feridas, ou esta mesma semana o dos trens de Adamuz . E é que, malia os avances médicos, o sangue e os seus compoñentes non se poden fabricar, e todos os días precisan ser utilizados en operacións cirúrxicas, urxencias e tratamentos. En Galicia, o SERGAS dispón de centros de doazón nas sete principais cidades e, ademais, conta cunha flota de dez autobuses que percorren a comunidade para facilitar a doazón. Unha delas situarase na Praza Ramón Díaz Raña este venres 23 de xaneiro pola tarde, en horario de 16:00h a 21:00h. Non perdas a oportunidade de achegarte e doar.
Aínda que teñamos a mellor intención, para poder dár o noso sangue debemos cumprir unha serie de requisitos básicos, que son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e andar nunha idade comprendida entre 18 e 65 anos.
A maiores destes tamén hai outros máis específicos, como o de non ter padecido hepatite ou convivir con pacientes que a tivesen nos últimos seis meses, non ter pasado enfermidades infecciosas con febre e/ou tratadas con antibióticos nos últimos quince días, non residir nos seis meses anteriores en zonas endémicas de paludismo e non estar embarazada nin ter dado a luz nos últimos nove meses. Tamén é fundamental informarse sobre a SIDA e ter a seguridade de non pertencer a ningún grupo de risco.
Os homes poden doar ata catro veces ao ano e as mulleres ata en tres ocasións, deixando pasar un mínimo de dous meses entre doazóns. Facelo é un acto seguro e sinxelo, posto que a Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia aplica un rigoroso procedemento de control que garante a seguridade dos compoñentes sanguíneos antes da súa incorporación aos bancos hospitalarios. O sistema sanitario galego precisa unha media diaria de 400 doazóns para atender arredor 500 intervencións cirúrxicas, aproximadamente 2.700 urxencias e uns tres transplantes de órganos ou tecidos.
A próxima oportunidade que teremos en San Sadurniño para sumarnos á cadea solidaria da doazón será este mesmo venres, 23 de xaneiro, en horario de 16 a 21:00h na Praza Ramón Díaz Raña (diante da Garda Civil), lugar onde estaciona habitualmente o autobús da ADOS. Ademais de cumprir os requisitos xerais para poder doar, tamén é imprescindible agardar ata dúas horas despois de xantar (o venres, mellor adiantar a comida para que non pase das 14:00h). Tamén é necesario acudir co DNI ou documento oficial de identificación.
Para solventar dúbidas sobre a doazón ou ben consultar calquera cuestión ao respecto, podemos preguntarlle directamente ao persoal da unidade móbil, chamar ao 900 100 828 ou visitar a web da ADOS.