A Fraga Máxica de San Sadurniño, lugar favorito dos colexios para despedir o curso

0

Medio cento de nenas e nenos de Educación Infantil do colexio La Salle de Ferrol viñeron pasar a mañá á Fraga Máxica da Cortiña. Na compaña das súas mestras descubriron a contorna do paseo fluvial e do arboreto de especies autóctonas, que reproduce os distintos tipos de bosque que existen en Galicia. Porén, o que máis lles gustou foi brincar entre os animais, duendes, fadas, bruxas e outros seres imaxinarios que poboan o lugar.

Desde a área municipal de Desenvolvemento local e Turismo lémbrase que tanto os centros de ensino como outros grupos -asociacións, familias, etc.-, ademais de vir pasar o día, tamén poden concertar unha visita guiada con obradoiros e outras actividades a través do programa Terra de Vida, ofrecido en colaboración coa cooperativa Rexenerando. Para reservar hai que contactar co 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

De feito, o próximo martes día 20 de xuño unhas 115 alumnas e alumnos do CEIP Andrade de Pontedeume botarán o día na Cortiña gozando do espazo, do aire libre e das propostas lúdicas e educativas de Terra de Vida.

Pódese ampliar información sobre este proxecto de interpretación ambiental e patrimonial no folleto editado polo Concello.

Share.