A EIM A Rolada colle quince días de vacacións

0

A escola infantil municipal A Rolada permanecerá pechada do 16 ao 31 de agosto ao non contar con solicitudes de ocupación mínimas para manter aberto o servizo durante esa quincena. Porén, tralas vacacións, retomará a actividade lectiva e lúdica nas súas tres unidades. Na primeira semana de setembro botará a andar o curso 2023-2024 que, coas matrículas actuais, contará con 22 nenas e nenos ou, dito doutro xeito, con 16 vacantes que se poden solicitar en calquera momento.

As familias que matriculasen as súas crianzas están convocadas a unha xuntanza informativa
obrigatoria para falar sobre o funcionamento, o plan educativo e outras cuestións. Terá lugar no salón de plenos o martes 5 de setembro ás 19:00h e ao longo do día seguinte levaranse a cabo as conversas individuais coas nais e pais para coñecer con máis detalle calquera necesidade que teñan as crianzas, de cara a ofrecerlles unha atención o máis personalizada posible.

Xa o xoves 7 iniciarase o período de adaptación, no que as nenas e nenos van collendo o ritmo da aula. Na primeira xornada a estadía será de hora e media, coa asistencia dos pais e nais. Nos seguintes días a presenza adulta irá reducíndose co obxectivo de que a incorporación ao centro sexa progresiva e o menos traumática posible para as crianzas (e tamén para as mamás e papás). A experiencia das mestras da EIM A Rolada indica que en menos dunha semana a maioría das meniñas e meniños xa están familiarizados coa aula, sobre todo na unidade de 2-3 onde é habitual que se manteña o grupo do curso anterior.

A EIM A Rolada comezará curso con prazas dispoñibles en todas as súas unidades: 7 na de 0 a 1 ano, 6 na de 1 a 2 anos e 3 na de 2 a 3 anos. Desde a área de Igualdade recórdase que, aínda que o período de matriculación ordinaria teña rematado, as familias que precisen deste servizo poden solicitalo en calquera momento ata completar a capacidade do centro.

O trámite pode facerse a través da Sede Electrónica (onde se encontra a normativa e toda a documentación que haberá que achegar) ou presencialmente no rexistro municipal.

Share.