A banda do Saturnino leva o premio do Entroido de San Sadurniño

0

Quizais fose a noite un tanto desapacible, quizais fose o cambio de emprazamento, quizais… sabe o demo, o caso é que este ano a festa do Entroido de San Sadurniño foi algo menos lucida que o ano pasado. Algo que, porén, non lle quita mérito á cita, na que houbo música, máscaras ben simpáticas e grupos que fixeron por animar a velada entre a friaxe e o gorentoso cheiro a liscos que asolagaba o patio cuberto do CPI, lugar elixido nesta ocasión polo Concello para celebrar un carnaval que estivo animado na parte musical polo picadiscos local DJ Sebas e polo grupo The Five band (AKA Leite con jalletas). E tamén houbo premios. De feito houbo premios para todos os que se anotaron no concurso: Baby Frog e Modelos Prado Galego no apartado de grupos, mentres que na categoría raíña, a de comparsas, a ganadora foi A banda de Saturnino, coa que a Asociación Cultural Brío repetiu o éxito de 2025.

Éxito ben merecido, habida conta de tanto como traballaron tanto as nais e pais como a propia rapazada para preparar os traxes e montar a actuación desta noite, na que repasaron varias pezas da Banda de Balbina debidamente mesturadas para a ocasión. Mozas folkis, vellas con fouciña, tipos amigos do ribeiro… e, o máis rechamante, unha chea de nubes de treboada feitas con floca que mesmo deixaban entrever no seu interior a forza da tronada.

Brío foi a única comparsa que se presentou neste apartado e aínda que houbese máis aspirantes, de seguro que lles había poñer cara a victoria no concurso.

Algo semellante ocorreu na categoría de grupos, onde había dous premios practicamente iguais -un valorado en 110 e outro en 120€, canxeables ambos en restaurantes locais- e onde só houbo dous candidatos. En segundo lugar quedou o Prado Galego, que aproveitou o xogo de palabras Prada -a marca de luxo- e Prado -o campeiro- para facer un divertido pase de modelos en clave rural.  En primeiro lugar quedou o grupo nomeado como Baby frogs, que para a xente que era pequena nos 80 e empezos dos 90 recordaban pola súa feitura e polos xestos a aqueles marcianos yip-yip de Barrio Sésamo que se abraiaban con cada cousa que atopaban na súa viaxe polo noso planeta.

O Concello quixo agradecer a colaboración para os premios do Mesón A Granxa, a parrillada María Queira, o Mesón Os Cazadores e a Libraría Brétema.

Desta vez quedaron desertos os apartados individuais, a pesar de que nun deles había unha máscara inscrita que, chegada a hora, non se presentou.

E así transcorreu a noite de estrea dun carnaval en San Sadurniño que continuará o martes, festivo local, e sobre todo o sábado da semana que vén, cando se concentran as celebracións do tecido asociativo.

E é que o día 21 temos o xantar de Entroido en Bardaos, organizado pola comisión de festas. Servirán cocido completo, incluída sobremesa e bebida, a 35€ (20€ no caso da rapazada de 6 a 11 anos e gratis a menor de seis anos). Da parte musical encargarase o dúo The Voice. Hai que apuntarse antes do 15 nos teléfonos 618 903 612, 646 287 494, 626 457 182 ou 603 818 233.

Por outra banda, tamén o sábado 21, en Naraío a AVV O Castelo celebra o seu entroido no local social da Veiga, cunha sesión infantil a partir das 17:30h animada pola empresa de lecer Noliños e un baile de máscaras que comezará a iso das 22:30h animado pola solista Mery.

Pola tarde –seguimos no sábado 21– Teatro Ghazafelhos representará na Casa da Cultura ás 18:00h e con entrada gratuíta a obra familiar “H2…Oh!”, baseada no libro homónimo de María Canosa. Os convites poden reservarse en agustin.perez@sansadurnino.gal ou no 616 332 919.

O calendario entroideiro pecharao a Asociación veciñal de Santa Mariña do Monte cun xantar a base de cocido que terá lugar no local social o sábado 28 de febreiro. O prezo: 30€ persoas socias, 35€ non socias e de balde a rapazada menor de 15 anos. Empezan con sesión vermú ás 13:00h -tocará o Dúo Caramelo- e pola tarde, despois do xantar, haberá baile de disfraces con premios para as mellores máscaras. Para o cocido hai que anotarse antes do 23 de febreiro nos teléfonos 630 811 062 ou 607 619 310.

Share.