Entre o día 1 e o día 15 de marzo permanecerá aberto o prazo de solicitude de reserva de praza na Escola Infantil Municipal “A Rolada” para o curso 2017/2018. Este primeiro período está pensado para as familias que xa teñen nenos ou nenas matriculadas no presente curso e que, polo tanto, teñen prioridade á hora de volver inscribir as criaturas no centro. Para as novas incorporacións abrirase un novo período de solicitude desde o 16 até o 31 de marzo. A documentación tanto para as reservas como para as solicitudes de ingreso haberá que entregala na oficina de Igualdade en horario de mañá. Tamén alí nos facilitarán información sobre o centro e sobre as axudas municipais destinadas ás familias usuarias no curso 2016/17. A convocatoria oficial das bolsas da EIM publicarase nas próximas semanas, tan pronto como o orzamento municipal acade a aprobación definitiva. A partida ascende a 8.000 euros e ás familias pode supoñerlles ata un 50% de aforro.
A EIM A Rolada ofrecerá de cara ao curso 2017/2018 un total de 38 prazas distribuídas en tres unidades: 8 na de nenos e nenas de tres meses a un ano, 13 na de criaturas de un a dous anos e 17 na ocupada por cativería de entre dous e tres anos.
Os servizos da EIM A Rolada diríxense preferentemente a familias empadroadas do municipio con nenos e nenas de entre tres meses e tres anos de idade e só no caso en que haxa vacantes poderá admitir alumnado doutros concellos priorizando aquelas familias que teñan o seu posto de traballo nunha empresa de San Sadurniño. As prazas adxudicaranse segundo a seguinte orde de admisión:
1. Reserva de praza ordinaria, na que gozarán de preferencia para a adxudicación as nenas e nenos con matrícula no curso anterior. Á súa vez, terán preferencia na elección de xornada as familias empadroadas no concello.
2. Reserva de praza para fillas e fillos do persoal municipal e da EIM, que terá preferencia na adxudicación de vacantes existentes nas mesmas condicións que as persoas empadroadas.
3. Novos ingresos, que se cubrirán unha vez adxudicadas as prazas reservadas e seguindo os criterios de baremación recollidos no regulamento de funcionamento da EIM.
A Escola Infantil Municipal A Rolada presta varios servizos adaptados ás necesidades de cada familia. O horario de apertura máximo é de 8 da mañá a 8 do serán de luns a venres e, dentro del, pódense elixir de dúas a oito horas de atención educativa. Esta posibilidade ten, á súa vez, varias opcións: xornada completa continuada ou partida, media xornada de mañá, media xornada de tarde ou xornada de dúas horas só pola tarde. A parte educativa complétase con servizo de comedor, actividades paralelas e extraescolares e mesmo con saídas e excursións dentro do horario de atención como parte fundamental do currículo do centro.
O funcionamento deste servizo de titulariedade pública está recollido nun regulamento modificado recentemente para adaptalo aos últimos cambios normativos neste campo e tamén para mellorar a xestión do centro atendendo á experiencia acumulada desde a súa apertura e ás peticións expresadas polas familias.
As tarifas vixentes para estes servizos son as seguintes:
Concepto | Cota vixente |
---|---|
Matrícula (anual) | 20 eur. |
Mensualidade a xornada completa (8h.) | 195 eur. |
Mensualidade a media xornada (4h.) | 117 eur. |
Xornada de 2 horas | 70 eur. |
Hora complementaria (prezo mensual) | 20 eur. |
Hora extraordinaria (prezo diario) | 3,5 eur. |
Comedor mensual para almorzo | 25 eur. |
Comedor mensual para xantar | 78 eur. |
Comedor mensual para merenda | 25 eur. |
Comedor en día solto | 4 eur. |
Cómpre ter en conta que as familias empadroadas no municipio poderán beneficiarse das axudas que convoca anualmente o Concello e que, dependendo do seu nivel de renda, poden chegar a cubrir ata un 50% dos custes de escolarización. O periodo correspondente ao curso 2016/2017 -os nenos e nenas que están agora na escola- aínda non está aberto, xa que primeiro deberán estar aprobados definitivamente os orzamentos municipais. Neles hai reservada unha partida total de 8.000 euros e nas próximas semanas, cando entren en vigor as contas municipais deste ano, publicarase a convocatoria. As familias que obteñan praza no curso que arranca en setembro (o 2017/2018) deberán agardar á convocatoria de axudas que lles toca, é dicir, a que se publicará probablemente a primeiros de 2018.
Para obter máis información sobre os servizos da escola ou sobre os procedementos de reserva de praza/nova incorporación pódese acudir ao propio centro -981 490 369- ou pasar pola oficina de Igualdade, coa que tamén se pode contactar a través do 981 490 027 ext.1. Iso si, a presentación de solicitudes só se poderá facer no departamento de Igualdade.
Descargas:
Folla de solicitude de praza na EIM (válida tanto para reservas como novas incorporacións)
Regulamento de funcionamento da EIM