Repaso rápido aos resultados electorais do 23X

0

Pasado o domingo das Eleccións Xerais, que nos deixa un escenario estatal sen maiorías e a previsión duns días vindeiros certamente intensos en canto a negociacións, toca facer unha pequena análise dos resultados de San Sadurniño, onde, seguindo a tónica xeral, o PP foi a forza máis votada seguida a maior distancia e por esta orde polo PSOE, o BNG, SUMAR, VOX, PACMA e RECORTES CERO. Con 795 votos, o Partido Popular acadou o 45,58% dos apoios e, segundo os datos, foi capaz de mobilizar máis electorado que as demais formacións, subindo 12,76 puntos porcentuais con respecto aos comicios de novembro de 2019. Pola súa banda, as forzas da esquerda -que ganan en conxunto pola mínima no balance total do municipio- soben todas un chisco en número de sufraxios, aínda que non o suficiente para certificar incrementos en termos de porcentaxes: 388 o PSOE -8 votos máis e o 22,24%, un 2,8 por baixo de 2019-, 324 o BNG -5 máis e o 18,57%, 2,45 puntos menos que nas anteriores eleccións- e 138 votos SUMAR, 29 máis e un 7,91% do total, un 0,7% superior a hai catro anos, asumindo que esta última é herdeira dos resultados de PODEMOS-EU, integrados nesta ocasión na coalición de Yolanda Díaz. VOX, pola súa banda, perde apoios tanto absolutos como porcentuais: obtivo 68 votos, o 3,89%, 44 menos que en 2019, cando se situara como cuarta forza con 112 sufraxios e o 7,38% do total.

Vistas as anteriores cifras, a comparativa 2019-2023 daría a entender que o Partido Popular concentrou boa parte do “voto útil” daquelas electoras e electores que nas anteriores xerais escolleron as papeletas de  CIUDADANOS, que este ano non se presentou, e de VOX. Entre os que perde a ultradereita e os non recollidos polo partido laranxa serían 90 votos, que elevarían o apoio popular até os 588 votos.

Ata chegar aos 795 faltarían 207 que, segundo os datos, cabe supoñer que proceden dunha maior mobilización do electorado do PP que hai catro anos non exercera o seu dereito ou que, en menor medida, se decantara por outras opcións. E é que en San Sadurniño votaron 1.762 persoas, o 72,54%, o que veñen sendo 223 máis que en 2019, cando a participación foi dun 61,80%. Case un 11% máis que, en principio, iría en favor do Partido Popular, engadindo así eses 207 apoios que completan os 795 finais, mentres que os 16 restantes son case os mesmos que se engadiron á conta de PSOE, BNG e PACMA con respecto a hai catro anos.

O outro partido ao que en teoría beneficiou a alta participación foi SUMAR. Se asumimos como certa a tese de que a formación de Yolanda Díaz recolleu o voto de PODEMOS, atopamos unha suba de 29 papeletas e un incremento porcentual de 0,7 puntos.

Malia a victoria popular, San Sadurniño reflicte en certo modo o escenario estatal en canto ao peso electoral dos bloques ideolóxicos, aínda que de maneira máis axustada. Así, o considerado “bloque da esquerda” -no que entrarían programaticamente PSOE, BNG, SUMAR, PACMA e RECORTES CERO- xuntou 869 votos, tan só seis sufraxios máis que os 863 dos dous partidos do “bloque de dereitas”, PP e VOX.

Esta correlación esquerda-dereita non se reproduce por igual nin en termos absolutos nin porcentuais se baixamos ao detalle dos resultados en cada mesa. O PP ganou en todas e, de novo, con folgada maioría nas parroquias de Santa Mariña, Bardaos e Lamas. Non así na mesa do centro urbano e nas parroquias do sur, onde os resultados lle deron a maioría dos apoios ás esquerdas e no caso de Ferreira e Igrexafeita, con escasos 5 votos de diferencia a prol dos populares con respecto ás seguintes formacións, no primeiro caso o PSOE (58 votos o PP e 56 o Partido Socialista) e no segundo o BNG (52 o PP e 47 o Bloque). O PSOE foi a segunda forza máis votada en San Sadurniño, Lamas, Ferreira e Santa Mariña. O BNG foino en Naraío, Bardaos e Igrexafeita.

Mesa

PP

PSOE

BNG

SUMAR

VOX

San Sadurniño

225

129

85

56

3

Naraío

108

74

77

26

3

Lamas

127

58

41

17

11

Ferreira

58

56

27

15

8

Santa Mariña

134

34

15

5

7

Bardaos

91

15

31

8

12

Igrexafeita

52

24

47

11

2

 

En canto ao Senado, os resultados deixan tamén victoria do PP. Os tres nomes propostos por este partido na provincia da Coruña -Rosa María Gallego Neira, Verónica María Casal Míguez e Manuel Santos Ruiz Rivas- foron riscados nas papeletas un promedio de 766 veces. O seguinte partido con máis apoios foi o PSdeG-PSOE -José Antonio Sánchez Bugallo, Natividad González Laso e Fabián Canosa Pasantes- marcados nas papeletas 381,66 veces. En terceiro lugar situouse o BNG -Xesús Gómez Antelo, Luis Cipriano Fernández Ageitos e María Socorro Cea Vázquez-, cuxos nomes foron riscados, de promedio, 297,3 veces. En canto ás candidaturas á Cámara Alta presentadas por SUMAR, os nomes de María Pilar Jiménez Aleixandre, José Manuel Sánchez Aguión e María Pilar Candocia Pita foron sinalados 117,6 veces.

No ámbito da provincia só obteñen acta os tres candidatos do PP e o exalcalde socialista de Santiago, José Antonio Sánchez Bugallo.

 

Share.