Carla Andrade ponlle imaxe a “El Caballero” de Cunqueiro

0

Álvaro Cunqueiro foi un dos escritores máis prolíficos da literatura en galego e castelán. Non tanto pola cantidade, senón pola variedade. Tocou os paus da poesía, do teatro, do xornalismo e da prosa con atino creativo en todos eles e, malia o seu abondoso legado literario, Cunqueiro sempre será recordado como o escritor do “Merlín e familia”. Curiosa mestura da idiosincrasia galega coa tradición artúrica e a oralidade que el mamou na botica do seu pai, en Mondoñedo. Pero, indo ao caso, un dos seus contos ambientados nun tempo incerto -que ben podería ser o de Arturo- é “El caballero”. Unha pequena xoia conectada con San Sadurniño a través da ficción por facer varias referencias a Naraío. É un texto breve con varias historias enleadas das que a realizadora Carla Andrade escolleu unha co obxectivo de poñerlle imaxe durante o encontro Chanfaina Lab. Así naceu “Sibila”, a adaptación dese anaco do universo cunqueiriano filmada en 8mm e cunha mirada certamente experimental.

“O que fixen foi experimentar un pouco xa que isto é un laboratorio. Fixen unha ficción, algo que non é habitual en min. Baseeime nun relato de Cunqueiro que, dentro da maraña do que se conta, fala de Naraío e eu leveino ao meu terreo”, explicaba Andrade durante a presentación da peza na sesión de estrea da Chanfaina Lab deste ano.

Tal e como explica o profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño, Carla achegouse a San Sadurniño cunha idea inicial agromada na procura de documentación que a levou a un relato ambientado en Naraío escrito por Álvaro Cunqueiro no 1942. “Sempre me fascinou Cunqueiro e e cando lin “El caballero” propúxenme facer unha adaptación libre dese relato e recrear ese espazo mítico e lexendario que é Naraío. Mais que ninguén agarde por unha adaptación fiel porque permitínme moitas licencias coa obra orixinal. Tratei mais ben de transmitir unha experiencia estética, que xerase contido e pensamento. A Sibila, o cabalo branco condúcennos na procura dunha experiencia estética e poética e se teño que sinalar algunha referencia visual podo lembrar ao cineasta filipino Gym Lumbera. De calquera xeito, a peza non podería existir sen a colaboración de Ángela Arnosa, mais tamén, a paciencia e xenerosidade de Víctor e a súa fermosa egua “Blanca” e, como non, da veciñanza de San Sadurniño que se amosou moi agarimosa en todos os momentos da rodaxe.”

“Sibila” colle os espíritos, as almas que pululan no relato de Cunqueiro e incrústaos en espazos naturais de cativa pegada humana, enxergados no mito fabuloso. Temos que “adiviñalos” camiñando entre as brumas do tempo e a gama de negros, grises e brancos que compoñen cada un dos planos do filme.

Carla Andrade -prosegue a crítica de González- aventúrase na ficción coa mesma equipaxe coa que leva internándose noutras aventuras creativas na súa xa dilatada traxectoria a pesares da súa xuventude: “O meu traballo trata de fusionar pensamento e vida, razón e intuición, pulando polo poético como xeito de amosar a parte invisible da realidade”.

A procura da beleza formal que predomina no filme emparentase por veces co prerrafaelismo, mais tamén podemos sentir nidiamente o devir do tempo na paisaxe e o misterio inintelixible que se agocha na natureza. Carla consegue transportarnos a un mundo onírico, máxico e fabuloso, como nese plano inicial do Castelo de Naraío aboiando nas augas do Río Castro que converte en realidade esa imposible viaxe en veleiro que nos propón Cunqueiro dende Constantinopla a Naraío: “En un velero la trajo a Narahio y hasta que se vieron las torres doradas del castillo no la despertó” . Así pois, deixémonos levar pola experiencia estética e sensual da misteriosa Sibila e por esta marabillosa proposta fílmica de Carla Andrade que pon en valor o misterio agochado que irradia a paisaxe de Naraío.

Share.