O salón de plenos do Concello volveu ser este luns, outro ano máis, o salón de sorteos no que se extraeron as papeletas ganadoras dos lotes de produto da campaña “Polo Nadal, consumo local”, organizada pola Área de Desenvolvemento local para promocionar o comercio e os servizos de San Sadurniño. Unha iniciativa que volveu ser todo un éxito de participación, con cerca dunha trintena de establecementos implicados que, en conxunto, repartiron 177 talonarios de papeletas entre a súa clientela durante as últimas semanas. Os dez premios, consistentes en sete lotes de produto valorados en 70€ cada un e outros tres cun valor unitario de 140€ entregaránselles ás persoas agrazadas este venres ás 14:30h.
O concelleiro responsable da área de Desenvolvemento local, Manolo Varela, destacou a alta participación que concitou este ano a campaña tanto entre os establecementos, cun total de 29, como entre o público que fixo compra neles desde o 12 de decembro até o 7 de xaneiro, tal e como testemuña o alto número de papeletas depositadas na urna do sorteo.
“Este ano entraron na rifa 177 talonarios, 82 por compras inferiores a 10 euros e 95 distribuídos entre as compras de maior importe. Veñen sendo case 18.000 papeletas. A campaña funcionou moi ben, grazas sobre todo á implicación dos establecementos participantes”, detallou o concelleiro.
O sorteo estaba previsto para este luns ás 12:00h, aínda que finalmente tivo que retrasarse un cuarto de hora por mor da celebración do pleno extraordinario no que se aprobou o reparto do POS Social. A Técnica de Igualdade, Oriana López Castiñeira, volveu ser este ano a encargada de extraer das urnas as sete papeletas premiadas con cadanseu lote de produto valorado en 70€, ademais das outras tres rifas nominativas que levarán tres cestas cun valor unitario de 140€.
“Os lotes de produto son cumpridos e levan un pouco de todo, pero sempre produto galego de calidade, incluídas algunhas especialidades locais como as que se producen na Fusquenlla”, explica Manolo Varela. O edil engade a este respecto que a campaña non só promociona o comercio e os servizos de San Sadurniño, senón tamén “o potencial do noso rural, onde moitas pequenas empresas de lácteos, conservas, zumes, galletas, embutidos e outros sabores, están posicionándose no mercado cun produto diferenciado de alto valor engadido”.
O Concello contactou inmediatamente despois do sorteo coas dez persoas agrazadas -nas papeletas había que deixar un nome e un teléfono-, citándoas para o acto de entrega dos agasallos, que terá lugar este venres ás 14:30h na Casa do Concello.
Sorteo “No Nadal, consumo local”
3 Lotes de produtos valorados en 140€:
- E. Mourelle D.
- A. Corral D.
- M. Fernández G.
7 Lotes de produtos valorados en 70€:
- M. Filgueira R.
- M. Soto G.
- R. Vázquez V.
- A. Ameneiro F.
- A. Rodríguez H.
- M. Arroyo L.
- J. Blanco C.