San Sadurniño sumou en 2025 cinco habitantes con respecto ao 2024, xa que pasamos de 2.733 a 2.738. Así o reflicten os últimos datos oficiais sobre poboación publicados polo INE, referidos a 1 de xaneiro do ano que acabamos de pechar. Aínda que se trata dun repunte leve, a cifra sitúanos como un dos poucos concellos da comarca que non perdeu poboación no último balance anual. Con todo, o dato hai que velo nun contexto onde a tónica xeral segue a ser a perda de peso demográfico nas zonas rurais. Nese sentido, haberá que ver como evolucionan os números nos próximos anos para ver se a suba mínima foi algo puntual ou o inicio dun cambio de tendencia.
O Instituto Nacional de Estatística (INE) publicou a mediados de decembro as cifras oficiais de poboación resultantes da revisión do Padrón municipal. No caso de San Sadurniño, o dato a 1 de xaneiro de 2025 sitúase en 2.738 habitantes, o que supón un incremento de cinco persoas respecto ás 2.733 rexistradas o ano anterior. Este pequeno saldo positivo interrompe a serie de descensos que se viñan encadeando desde hai anos, aínda que desde o executivo local esta pequena mellora tómase con cautela ao tratarse dunha variación mínima.
O alcalde, Secundino García Casal, valorou o incremento como un dato “positivo pero discreto”. Segundo explicou o rexedor, o lixeiro ascenso responde a un maior número de nacementos e ás altas de novas veciñas e veciños que se asentaron no concello. “San Sadurniño é un sitio que ten tirón neste momento. Hai servizos, estamos relativamente preto dos polos industriais da ría e, ademais, as propias dinámicas laborais permiten hoxe que moitos perfís profesionais traballen desde a casa. Iso notámolo en que o parque de vivendas para rehabilitar está movéndose como nunca e incluso vemos que hai xente proveniente doutros países que decidiu vir vivir aquí”, sinalou García Casal, quen apuntou que estas dinámicas están a compensar “polo menos en 2025” o saldo vexetativo negativo.
García Casal tamén precisa que os datos estatísticos “refírense a todos os que están pero non a todos os que son en realidade”. O alcalde explica que a oficina municipal do Padrón rexistra todos os nacemenos, defuncións e outros tipos de altas e baixas que se producen ao longo do ano. Datos que se envían regularmente ao INE para incorporalos ás series estatísticas que manexa e publica o Estado. Porén, segundo o alcalde, “en San Sadurniño somos máis persoas que esas 2.738, xa que hai casas con veciñas e veciños novos ou que foron de aquí, marcharon e logo regresaron, pero que aínda non se empadroaron a pesar de ser obrigatorio por lei empadroarse no lugar onde se reside”.
Cunha perspectiva histórica máis ampla, a evolución demográfica de San Sadurniño nos últimos 30 anos reflicte unha realidade que é común a todo o rural galego. En 1996, o concello contaba con 3.504 habitantes, unha cifra que foi decrecendo de xeito constante década tras década. No ano 2005 a poboación baixara ata os 3.179 veciños e veciñas e, xa en 2015, a cifra situouse nos 3.009 habitantes, traspasando a barreira dos tres milleiros pouco despois. O dato actual de 2.738 reflicte, polo tanto, unha perda de 766 persoas en tres décadas. En 2021 producírase outro importante incremento poboacional, debido daquela a axustes estatísticos no Padrón máis que a un comportamento demográfico realmente positivo.
Malia a magnitude do descenso acumulado no tempo, o feito de que o balance anual non sexa negativo sitúa a San Sadurniño nunha posición diferenciada na comarca. Mentres que a maioría dos concellos da contorna de Ferrolterra seguen a presentar perdas de poboación máis ou menos acentuadas, San Sadurniño logra manterse en cifras similares ás dos dous últimos anos, amosando unha certa capacidade de resistencia demográfica fronte ao baleirado do interior.
No seu conxunto, a comarca pasou de 185.528 habitantes en 2024 a 186.293 en 2025, cun aumento global de 765 persoas moi condicionado polos fortes incrementos de Narón (+668) e Ferrol (+149). Dentro deste contexto, só sete concellos lograron mellorar as súas cifras poboacionais, entre eles San Sadurniño (+5), Ares (+119), Neda (+57), As Pontes (+14), Mugardos (+8) e Cerdido (+2), mentres que a maioría continúa en descenso.
Desde o Concello insístese en que este repunte debe ser analizado con prudencia, xa que pode tratarse dunha fluctuación puntual propia da dinámica padroal. “Gustaríanos que a tendencia se consolide nos próximos anos. Queremos ganar poboación ou, polo menos, mantela. Desde o Concello temos claro que debemos crear as condicións para facelo posible, garantindo servizos básicos que permitan fixar a poboación existente e facilitar a integración de quen chega de fóra, tratando de estabilizar un censo que, polo momento, parece ter atopado un chan arredor dos 2.700 habitantes tras anos de caída ininterrompida”, conclúe o alcalde.