Proceso selectivo para a cobertura de catro prazas de persoal laboral do SAF

0

No BOP do 10 de novembro de 2025 publicáronse as bases polas que se rexerá o proceso selectivo para a cobertura de 4 prazas no Servizo de Axuda no Fogar de San Sadurniño. Unha das catro prazas ofertadas resérvase para persoas que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33% -deberán indicar que optan a esta praza de reserva cando presenten a solicitude-. Se quedase deserta, cubrirase coas persoas da quenda xeral. Cómpre ter en conta, ademais, que o procedemento tamén xerará bolsa de traballo entre as persoas que non obteñan praza, para a cobertura de vacantes ou baixas que poidan producirse no servizo.

Características dos postos: A convocatoria das prazas vén recollida na Oferta Pública de Emprego de 2024 e encádrase dentro do departamento de Servizos Sociais como persoal laboral fixo cunha xornada do 80%, distribuída en quendas de traballo segundo o cadro de turnicidade da atención domiciliaria prestada polo Concello. As persoas aspirantes deberán contar con medios de transporte propios.

Funcións: As funcións serán as mesmas nas catro prazas convocadas, enfocadas na asistencia ás persoas usuarias tanto nas tarefas persoais básicas -erguerse e deitarse, vestirse, asearse, comer, supervisarlles a administración de medicamentos, conversar, etc.- como noutros apoios necesarios, referidos á preparación de alimentos, o coidado da vivenda ou o acompañamento para xestións urxentes ou para consultas médicas.

Requisitos e titulación: Para participar no proceso selectivo hai que cumprir os requisitos establecidos nas bases, que son os habituais para calquera posto nunha Administración pública: ter a nacionalidade española ou outra que permita o acceso ao emprego público, ser maior de 16 anos e posuír a capacidade e aptitude física para desempeñar as funcións do posto. Non poderán participar as persoas que, entre outras, se encontren en situación de inhabilitación ou que fosen despedidas dunha Administración por expedientes disciplinarios.

Para acceder ao proceso selectivo tamén fai falla posuír ou estar en disposición de obter o certificado profesional de atención sociosanitaria a persoas en domicilio ou o seu equivalente.

Proceso selectivo: O proceso selectivo farase mediante concurso valorando os méritos por formación e por experiencia laboral.  Porén, tamén se prevé unha proba para a acreditación do coñecemento do galego no caso daquelas persoas que non presenten, polo menos, o certificado Celga 2.

Como presentar a solicitude: É necesario  presentar a solicitude que figura como anexo ás bases publicadas no BOP. Poderá facerse dentro do prazo establecido a través da Sede Electrónica municipal, presencialmente no Concello ou a través de calquera das outras vías previstas na normativa. Canda a solicitude debe achegarse copia simple do DNI, copia simple do certificado de profesionalidade, a relación de méritos alegados (acompañada dos documentos xustificativos: contratos de traballo e vida laboral). Tamén se incluirá copia do certificado Celga 2 -se se dispón del- ou superior, e o resgardo do pagamento dos dereitos de exame: 12,53€, que teñen que ingresarse na conta ES74-2080-0208-0131-1000-0059.

Prazo: O prazo empezará a contar desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (é importante non adiantarse, xa que só poden admitirse as solicitudes que se presenten dentro do prazo establecido, nin antes nin despois).

Documentación publicada até o momento:
Anuncio e bases da convocatoria publicadas no BOP do 10/11/2025

Share.