Os Foros da Veiga estrean unha nova etapa explicando as repercusións do tratado UE-Mercosur

0

A Asociación veciñal O Castelo de Narahío vai retomar este venres 27 de febreiro os Foros da Veiga, o programa de charlas co que a entidade tenta achegar luz sobre distintos temas de actualidade convidando a persoas que coñezan ben a materia de que se trate. Os foros botaron a andar fanse agora dez anos e interrompéronse pouco antes da pandemia. Agora, nun tempo de voltas políticas e sociais, a asociación de Naraío volve poñer en marcha o ciclo, que se desenvolverá todos os últimos venres de mes do inverno e a primavera. A primeira xornada desta nova etapa estará centrada no tratado comercial Unión Europea – Mercosur e contará coa participación de María Ferreiro Santos, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, e Xosé Ramón Cendán, representante do SLG nos movementos antiglobalización. O encontro pretende ofrecer información clara e contrastada sobre un acordo internacional que pode ter importantes repercusións económicas, sociais e ambientais. A cita é no local social da Veiga a partir das 20:00h.

O acordo UE-Mercosur é un tratado de libre comercio negociado entre a Unión Europea e os países que integran o Mercosur —Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai—, ao que posteriormente se sumou Bolivia, en proceso de adhesión. O obxectivo principal é reducir ou eliminar aranceis e facilitar o intercambio de bens e servizos entre ambos bloques, creando unha das maiores áreas de libre comercio do mundo, con máis de 700 millóns de persoas consumidoras.

As negociacións deste tratado trasatlántico comezaron a finais dos anos noventa, aínda que atravesaron múltiples paróns e reactivacións ao longo das últimas dúas décadas. En 2019 anunciouse un principio de acordo político, pero desde entón o texto segue pendente de pechar cuestións vinculadas ás garantías ambientais, ás cláusulas de desenvolvemento sostible e ao compromiso coa loita contra o cambio climático. Na actualidade, o tratado atópase nunha fase de revisión e negociación complementaria antes da súa eventual ratificación polos Estados membros da UE.

No caso de Galicia, o debate céntrase especialmente no impacto que podería ter sobre o sector primario e a industria agroalimentaria. A posible entrada de carne de vacún, aves, azucre ou soia procedentes de América Latina con menores custos de produción xera preocupación entre organizacións agrarias e gandeiras, que alertan dunha competencia difícil de asumir para as explotacións galegas. Tamén existen dúbidas sobre as diferenzas en estándares sanitarios, ambientais e laborais, que poderían situar en desvantaxe ás explotacións europeas.

No ámbito político galego, as posicións son diversas. O PP ten manifestado como partido e desde o Goberno da Xunta o seu apoio aos acordo con matices, igual que o PSOE, que incide na necesidade de incorporar cláusulas ambientais e sociais máis esixentes, mentres que o BNG se mostrou crítico co tratado, advertindo dos riscos para o agro galego e reclamando a súa paralización se non se protexen adecuadamente os intereses do sector primario do país.

Alén do posicionamento de partidos e colectivos como o Sindicato Labrego Galego,  que tamén se opón frontalmente, hai voces nalgunhas actividades como a vitivinícola, o lácteo transformado ou a industria conserveira, que se refiren ao tratado como unha oportunidade de acceder a novos mercados con menos barreiras.  Ademais do ámbito agroalimentario, o acordo, que actualmente está en stand-by, tamén abrangue cuestións como a contratación pública, a protección das indicacións xeográficas ou o comercio de servizos, aspectos que tamén poden ter repercusións para o tecido produtivo galego no seu conxunto.

A sesión dos Foros da Veiga buscará precisamente achegar claves para comprender en que consiste o acordo, en que punto se atopa e como pode afectar tanto ás persoas consumidoras como ás produtoras. O Castelo de Narahío convidou como poñentes a María Ferreiro Santos, secretaria xeral do SLG, e a Xosé Ramón Cendán, representante do sindicato nos movementos antiglobalización. Ambos participarán nun encontro con entrada libre este venres a partir das 20:00h no local social de Naraío.

A iniciativa, que supón o regreso dos Foros da Veiga despois de seis anos de pausa, enmárcase na programación periódica deste espazo de debate, que aborda temas de actualidade co obxectivo de fomentar entre a veciñanza unha reflexión informada e crítica.

Share.