O xurado do II Premio Bernardino de Lamas reunirase o martes

0

O xurado do II Premio Bernardino de Lamas, convocado polo Concello de San Sadurniño no marco do Chanfaina lab, reunirase o próximo martes, día 24 de febreiro, ás 18:30 horas na Casa da Xuventude para deliberar e escoller a persoa galardoada nesta segunda edición. O premio recoñece traxectorias destacadas no ámbito do cinema amador e entregarase o sábado 7 de marzo durante a gala das estreas do encontro audiovisual, que se celebrará na Casa da Cultura. A persoa premiada recibirá unha peza única: unha Lola da Cascarilla coa figura de Bernardino de Lamas, pseudónimo de Alfonso Piñón Teixido, considerado un dos pioneiros do cine galego.

O galardón rende homenaxe á figura do xornalista e escritor galeguista nado en Ferrol en 1887 e falecido en Madrid en 1973. Entre 1924 e 1935, Piñón Teixido filmou case trescentas bobinas en formato 9,5 mm, das que se conservan arredor de noventa na Filmoteca de Galicia. As súas imaxes, centradas en excursións, romarías, paisaxes e escenas cotiás, constitúen un valioso documento etnográfico e patrimonial, fiel ao seu espírito libre e alleo ás estruturas da industria cinematográfica convencional.

O Premio Bernardino de Lamas instituiuse o ano pasado no seo do Chanfaina lab coa vontade de recoñecer a unha persoa viva que manteña ese mesmo compromiso co cinema non profesional, entendido como creación por pracer e por amor á arte. O xurado valorará especialmente a independencia creativa, a coherencia dunha traxectoria ligada ao espírito amateur, a relación coa paisaxe, a cultura e a identidade galega, así como a afinidade co espírito libre e experimental do Chanfaina lab.

Na súa primeira edición -a de 2025- o premio recaeu no escritor, profesor e cineasta experimental Alberte Pagán, recoñecido pola súa prolífica e independente traxectoria, marcada pola reflexión crítica sobre a paisaxe e os conflitos sociais, políticos e ecolóxicos.

A escolla da persoa ganadora deste ano farase mediante deliberación  entre as candidaturas propostas polas persoas integrantes do xurado, composto polo equipo de cociña do X Chanfaina lab: o alcalde, Secundino García Casal; a concelleira de Cultura, Araceli Bellas Castro; o técnico da área, Agustín Pérez Tenreiro;  a parella promotora do Chanfaina, Carmen Suárez Nieto e Manolo González Álvarez; o youtuber local Fran Bermúdez Prieto; o actor e realizador Kevin Lorenzo Martínez Hernández; a divulgadora científica e creadora Ángela Arnosa Prieto; os membros de NaraioMedia Brianda García Álvarez, Brais Varela Romero e Tom Fraga Bouza e o fotógrafo e realizador Iago Lourido Calvo.

A entrega do II Premio Bernardino de Lamas será un dos momentos destacados da gala das estreas, que converterá a Casa da Cultura nun cine de sesión continua o sábado 7 de marzo. Ao longo da velada, que comezará ás 17:30h, proxectaranse 20 curtametraxes filmadas o pasado mes de setembro con motivo da décima edición do encontro audiovisual, organizado polo Concello de San Sadurniño coa colaboración da Deputación da Coruña.

Share.