O Concello repara a pasarela de Cornide danada nunha saída de vía

0

Traballadores da empresa de carpintaría Manuel Lema están traballando durante estes días á beira da estrada de Ortigueira ao seu paso por Cornide para amañaren os arredor de 30 metros de pasarela de madeira que se viron afectados pola saída de vía dun vehículo hai dous meses. Dase a circunstancia de que o taboado, que conecta coa ponte sobre o Xubia, imprescindible para cruzar o río a pé nese punto da AC-862. Os traballos están orzamentados en 3.800 euros, impostos incluídos, que o Concello lle  trasladará á aseguradora do coche.

O accidente produciuse na mañanciña do pasado 27 de outubro, a iso das seis e cuarto da mañá, segundo informou a veciñanza. Un vehículo que circulaba en sentido Ortigueira botouse fóra da estrada, montou sobre a bionda e finalmente precipitouse sobre a pasarela que bordea a estrada á altura do Muíño do Pepe.

O coche avanzou varios metros sobre a estrutura danando táboas, soportes e varandas antes de quedar entornado moi preto da escaleira pola que se baixa ao local de hostalaría, pechado desde hai tempo.  Malia o aparatoso do incidente, o condutor e único ocupante do vehículo puido saír polo seu propio pé.

O Concello encargou uns días despois  unha valoración dos traballos de reparación, cuantificada en 3.811,50€, ive incluído. Uns traballos que deberon agardar varias semanas “a que a empresa atopase un oco para facelos”, comenta o alcalde, Secundino García Casal, dado que neste momento “todas as empresas relacionadas coa construción están a tope e hai que esperar meses por elas, aínda que neste caso a cousa foi relativamente rápida”.

As obras que se están levando a cabo consisten na substitución das táboas do chan e tamén na construción dunha nova varanda de apoio, que quedou totalmente desbaratada. Ademais, segundo explican desde a firma que está ocupándose da reparación, “tamén estamos reforzando os largueiros nalgúns puntos, aínda que sorprendentemente aguantaron moi ben o accidente”.

Tan pronto como rematen os labores, o Concello trasladaralle os custes da reparación á aseguradora do vehículo, que xa está ao tanto dos danos ocasionados polo accidente.

 

Share.