Xoguetes sostibles, igualdade, cooperación e unha mensaxe de paz para todo o mundo. Esa é a proposta das áreas de Cultura, de Igualdade e de Benestar, que animan ás nenas e nenos de entre 5 e 12 anos a redactar unha carta especial ao Apalpador, a Papá Noël e aos Reis Magos, poñendo no centro os valores, o coidado do planeta e a solidariedade coas persoas que máis o necesitan. O texto que se ofrece é só un modelo a xeito de inspiración e que se pode —e se debe— adaptar, cambiar e facer propio. Ademais, o Concello recomenda escribir a carta en familia, para converter o momento da escrita nun tempo compartido de calidade, no que a cativería e as mamás e papás poidan falar, reflexionar e gozar xuntas e xuntos destas datas.
Querido Apalpador, querido Papá Noël e queridos Reis Magos:
Este ano escríboche con moita ilusión e tamén con ganas de facer as cousas ben. Sei que traedes maxia, soños e alegría, e por iso quero aproveitar esta carta para pedirvos non só xoguetes, senón tamén un mundo un pouco mellor para todas as persoas.
Gustaríame recibir xogos e xoguetes sostibles, que coiden do planeta no que vivimos. Encántanme os xoguetes feitos con materiais naturais, reutilizados ou reciclables, os que duran moito tempo e se poden compartir, e aqueles que non contaminan nin fan dano á natureza. A Terra é a nosa casa e todas as nenas e nenos sabemos que hai que coidala, por iso tampouco fai falla que os agasallos veñan envoltos en tanto plástico.
Tamén estaría ben que trouxesedes enredos que fomenten a igualdade. A min gústanme os xogos que son para todas as persoas, sen distinguir entre xoguetes “de nenas” ou “de nenos”, porque todas e todos podemos xogar ao mesmo, imaxinar, construír, coidar, pensar e crear. Xoguetes cos que todas as persoas se sintan representadas, respectadas e valoradas, sexan como sexan.
Parécenme moi importantes os xogos que nos ensinan a cooperar, a compartir, a axudarnos e a resolver problemas xuntas e xuntos. Por exemplo os xogos de mesa nos que non sempre gaña unha soa persoa, senón que o importante é participar; os xogos simbólicos para imaxinar mundos máis xustos; os libros que contan historias diversas; os xoguetes que desenvolven a creatividade, a curiosidade, a empatía e o pensamento crítico.
Nin eu nin a demais rapazada precisamos ter moitas cousas, senón xoguetes con valores, que nos axuden a aprender a respectar as diferenzas, a coidar das persoas, dos animais e do medio, a expresar emocións e a convivir en paz. Queremos xoguetes que nos fagan rir, pensar e medrar como persoas responsables e solidarias.
Antes de despedirme, quero lembrar tamén a todas as persoas que non poden celebrar estas datas coma nós. Penso en quen viven na pobreza, nas que sofren guerras, nas que tiveron que deixar as súas casas, nas que padecen violencia ou discriminación. Cambiaría todos os meus agasallos porque a elas e eles lles chegasen a paz, a seguridade, a xustiza e o agarimo que todas as persoas merecen.
Grazas por ler esta carta, por traer ilusión e por lembrar que outro mundo é posible se o construímos entre todas e todos.
Con moito cariño,………………………………