A localidade madrileña de Pinto acollerá durante esta fin de semana unha nova edición da Copa Príncipe, máximo trofeo da división de prata do volei masculino. A competición reunirá aos seis mellores conxuntos da Superliga 2 e porá en xogo o primeiro título oficial do 2026. O Aldebarán-Intasa acudirá á cita como un dos grandes favoritos, tal e como testemuñan o bo xogo exhibido no que levamos de temporada e tamén a súa cómoda posición como cabeza do seu grupo ligueiro. A escuadra dirixida por Pablo Gómez Parga tentará traer de Madrid a súa terceira copa.
O club local ganou o seu dereito a participar no torneo tras rematar a primeira metade da tempada como líder do Grupo A, cunha vantaxe de cinco puntos sobre o segundo clasificado, o CV Textil Santanderina, vixente campión da Copa Príncipe.
Xunto ao conxunto galego e o cántabro tamén participarán o Barça Voleibol, o Arona Spring in Motion, o Club Vóley Palma e o Grupo Egido Pinto, anfitrión do campionato. Todos eles, primeiros e segundos clasificados dos tres grupos da Superliga Masculina 2, loitarán por suceder no palmarés ao equipo de Cabezón de la Sal, vencedor en tres das catro últimas copas disputadas.
Na fase de grupos da Copa, o Aldebarán-Intasa quedou encadrado no Grupo A, canda ao Grupo Egido Pinto e ao Arona Spring in Motion. O debut dos nosos será o venres 9 de xaneiro ás 12:00 horas, fronte ao Pinto. Ese mesmo día, ás 19:30 horas, o Grupo Egido Pinto medirase ao Arona Spring in Motion. A segunda xornada do grupo disputarase o sábado 10 ás 12:00 horas, cando o Aldebarán-Intasa se enfrontará ao equipo canario.
No Grupo B os enfrontamentos abriranos o venres ás 09:00h o CV Textil Santanderina e o Club Vóley Palma. O segundo partido xogarano o Barça e os cántabros ese mesmo día ás 17:00h. O terceiro encontro, igual que no outro grupo, queda para a mañá do sábado -09:30h-, hora á que se medirán Vóley Palma e Barcelona.
Os dous mellores clasificados de cada grupo accederán ás semifinais, programadas para a tarde do sábado 10 de xaneiro, con encontros ás 18:00 e ás 20:00 horas, mentres que a gran final se xogará o domingo 11 ás 12:00 horas, coroando ao seu remate ao novo campión da Copa Príncipe, o máximo trofeo da división de prata do voleibol masculino estatal.
Os enfrontamentos e outros datos interesantes poden consultarse no microsite da XIX Copa Príncipe. Ademais de fotos, resultados e informacións que vaian producíndose durante a competición, na web tamén se poderá seguir os partidos ao vivo, na canle oficial de Youtube do Club Voleibol Pinto.
Sobra dicir que o Aldebarán-Intasa compartirá as emisións nas súas redes sociais para que toda a afección poida seguir a participación local na copa. O obxectivo da escuadra azul non é outro que traer para San Sadurniño a terceira Copa Príncipe, que se sumaría ás obtidas en 2016 e 2021, así como ao subcampionato do 2017.
Seis horas en coche
Se alguén quere vivir a emoción da Copa en directo, debe saber que Pinto é un dos municipios situados ao sur da área metropolitana de Madrid e que en coche se chega sen moito apuro nunhas seis horas de viaxe. Os partidos disputaranse todos no Pavillón Príncipes de Asturias con entrada gratuíta.