Hoxe fanse os 189 anos do nacemento de Rosalía Castro, figura principal da nosa literatura e símbolo da nosa identidade cultural e mesmo como país. O Concello de San Sadurniño fai un chamamento a toda a veciñanza para sumarse á conmemoración do aniversario rosaliano de varias maneiras, todas elas sinxelas e cheas de significado: ler e compartir a súa obra, seguir as iniciativas promovidas pola Fundación Rosalía de Castro e, sobre todo, empregar con orgullo e normalidade o galego no día a día. E é que no actual contexto de retroceso no número de falantes, falar en galego en todos os ámbitos -sobre todo falarllo á rapazada- é fundamental para asegurar a pervivencia do noso idioma, e unha das mellores homenaxes que lle podemos render a Rosalía por ser ela a primeira en dignificalo.
Cada 23 de febreiro Galicia lembra o nacemento dunha autora fundamental para entender a nosa historia. A obra de Rosalía non só marcou un antes e un despois na poesía e na narrativa galega, senón que tamén contribuíu decisivamente á dignificación do idioma nun tempo no que estaba relegado aos ámbitos máis populares. Hoxe, case 163 anos despois de que se publicase “Cantares Gallegos” -obra que se toma como fito do inicio do Rexurdimento-, a súa voz continúa a ser un referente de compromiso, sensibilidade e defensa da cultura propia. Ademais, a revisión dos seus textos tamén nos mostra unha Rosalía cunha clara conciencia social e feminista.
O Concello propón celebrar esta xornada comezando por un xesto íntimo e persoal: abrir un libro de Rosalía -se non temos ningún quizais sexa hora de compralo ou de collelo na biblioteca-, lelo en familia, compartir as súas pasaxes ou versos nas redes sociais ou recitalos en voz alta, reflexionando sobre o que nos transmiten. Pequenas accións que, sumadas, constrúen unha homenaxe colectiva e viva, acorde co espírito dunha autora que escribiu pensando no pobo.
Desde Cultura tamén convidan a participar nas propostas impulsadas pola Fundación Rosalía de Castro, que cada ano promove iniciativas para difundir e actualizar o legado da escritora, entre elas o tradicional convite a preparar e degustar o caldo de groria do poema “Miña casiña, meu lar” ou a tocar, quen saiba, a alborada para Rosalía. Actividades culturais e campañas simbólicas arredor da lingua e da escritora que buscan implicarnos a todas e todos na celebración e reforzar o vínculo co que significa Rosalía.
Mais a mellor homenaxe que se lle pode render é falar galego con naturalidade, sen complexos e en todos os ámbitos da vida cotiá. Nun momento no que as estatísticas amosan un descenso no uso social da lingua, o Concello de San Sadurniño chama á veciñanza para que entre todas e todos sexamos garantes dunha longa vida para o galego, honrando así o legado dunha autora que fixo da palabra un acto de dignidade e afirmación colectiva.
Unha rúa para Rosalía
San Sadurniño aínda lle renderá outro tributo á escritora dándolle o seu nome á rúa “C” que conecta a Avenida Marqués de Figueroa co acceso ao Pavillón Municipal, xusto no remate da rúa Castelao. A nova denominación foi aprobada no pleno ordinario do pasado mes de xaneiro.
A proposta de dedicar unha rúa a Rosalía de Castro en San Sadurniño busca honrar “ao máximo referente da nación galega” e reafirmar un compromiso cos valores de dignidade, feminismo e xustiza social que ela representou. A iniciativa, ademais de dar cumprimento ao Plan de Igualdade coa incorporación de referentes femininos ao rueiro, destaca o seu papel central no Rexurdimento e o valor simbólico de Cantares Gallegos (1863), un “acto de rebeldía sen precedentes” que devolveu orgullo e prestixio ao galego.
Tamén se subliña a súa dimensión feminista e social: Rosalía defendeu a autonomía intelectual da muller e visibilizou ás “viúvas de vivos” que sostiveron Galicia nos tempos do éxodo masivo cara a América. “Co seu compromiso ético inquebrantable, Rosalía foi unha poeta social que deu voz aos desposuídos e denunciou a explotación do campesiñado e a dor da emigración. Esta dimensión humana e a súa calidade literaria elévana, por dereito propio, á categoría de figura da literatura universal”.
O acordo, que foi adoptado por unanimidade e xa saiu publicado no BOP, encóntrase en período de exposición pública ata o próximo 2 de marzo, data na que, se non hai alegacións, se fará oficial a nova denominación.