Ata o 18 de marzo: Solicitude de axudas para a implantación da igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial

0

O Programa de axudas para implantar a igualdade laboral, a conciliación e a responsabilidade social empresarial (RSE) para o ano 2026 (TR357B, TR357C e TR357D) ten como finalidade apoiar a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal ao seu cargo na posta en marcha de medidas de igualdade, conciliación e responsabilidade social. As axudas concédense en réxime de concorrencia competitiva, son a fondo perdido e poden solicitarse ata o 18 de marzo de 2026.

A Liña I (TR357C) céntrase na elaboración e implantación de plans de igualdade. Subvenciónanse ata o 80 % dos custos da diagnose de xénero (ata 3.000 € en empresas de ata 20 persoas traballadoras e 5.000 € nas demais), da elaboración do plan (ata 1.500 € ou 3.000 €) e da implantación das medidas do primeiro ano (ata 1.000 € ou 2.000 €). Ademais, inclúese unha axuda de 12.000 € para a contratación, durante un mínimo dun ano e a xornada completa, dunha persoa experta en igualdade (grupo de cotización 1 ou 2).

A Liña II (TR357D) promove medidas de conciliación a través de tres subliñas. A primeira incentiva o teletraballo con 2.000 € por persoa traballadora (ata un máximo de 8.000 € por empresa), ampliables en 1.000 € se a ocupación feminina é igual ou superior á masculina. A segunda apoia a implantación da flexibilidade horaria cun incentivo fixo de 8.000 €, tamén incrementable en 1.000 € baixo o mesmo criterio de igualdade. A terceira subvenciona a adquisición de equipamento tecnolóxico para o teletraballo (ordenadores, periféricos, conexión a internet), cunha intensidade do 80 % do investimento, ata 1.500 € por persoa e 20.000 € por empresa, incrementable nun 10 % en empresas con equilibrio na ocupación feminina.

Por último, a Liña III (TR357B) financia a obtención de certificacións ou informes de verificación en materia de responsabilidade social empresarial. A axuda cobre o 80 % dos custos da certificación, cun máximo de 2.000 € por empresa, limitándose os custos de consultoría ao 30 % da subvención total.

Prazo de solicitude (as tres liñas): ata o 18/03/2026.

Ligazón á normativa

 

Share.