As empresas relacionadas co turismo poden solicitar a adhesión ao sistema de acreditación do Xeoparque até o 8 de febreiro

0

A Deputación da Coruña acaba de abrir o prazo para que as empresas do territorio poidan solicitar a súa adhesión ao sistema de acreditación do Xeoparque do Cabo Ortegal. Trátase dun procedemento recollido no Plan de Sostenibilidade Turística en Destino co que se pretende reforzar o coñecemento e a implicación no desenvolvemento do xeoparque dos negocios do territorio vinculados ao turismo -hostalaría, artesanía, produción agroalimentaria, etc.-, ademais de axudarlles a mellorar a súa competitividade e sostenibilidade. As solicitudes de participación, que é gratuíta, poden presentarse a través deste formulario ata o día 8 de febreiro. A intención da Deputación e da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal é que as primeiras empresas que cumpran os requisitos estean acreditadas no mes de abril.

Alén de contar cunha xeoloxía excepcional, os xeoparques da UNESCO tamén deben sosterse nunha ampla base social -veciñanza, colectivos e entidades, etc.- , ademais de promover a implicación do tecido produtivo local, especialmente o relacionado dalgún xeito co turismo, co propio xeoparque e cos seus valores.

E é que a identificación do territorio co seu xeoparque é fundamental para a súa pervivencia e, de feito, é algo que a propia UNESCO avalía no momento en que se presentan as candidaturas iniciais e tamén despois, cando se producen as revalidacións de cada catro anos.

Neste momento, o Xeoparque de Cabo Ortegal está enfocando os seus esforzos na estruturación dunha oferta turística de calidade seguindo o Plan de Sostenibilidade Turística en Destino deseñado pola Deputación da Coruña -con apoio dos fondos NextGeneration EU-, a través do que se están levando a cabo múltiples accións no territorio.

Unha delas é o Plan de mellora e acreditación de empresas turísticas, que ten como finalidade acompañar ás empresas que teñan certa vinculación con esta actividade na mellora da súa competitividade, da súa sostenibilidade e da súa conexión co Xeoparque, mediante un sistema voluntario de adhesión e certificación.

O proxecto inclúe accións de formación, asistencia técnica individualizada e un plan de mellora a curto prazo, co obxectivo de reforzar a calidade da oferta turística, poñer en valor os recursos locais e fortalecer a identidade territorial das empresas participantes.

A iniciativa vai dirixida aos negocios eminentemente turísticos -guías, hostalaría, aloxamentos, axencias, etc.-, pero tamén a produtoras e produtores agroalimentarios dos sete municipios, artesáns e artesás e establecementos relacionados.

As empresas interesadas poderán solicitar a adhesión ata o próximo 8 de febreiro, e será no mes de abril cando se entreguen as acreditacións a aquelas que cumpran cos requisitos esixidos. Ademais, está previsto que no mes de febreiro se convoquen novas reunións informativas específicas para a adhesión dos produtores e produtoras do sector agroalimentario e do mar.

Ligazón ao formulario de solicitude

Share.