Aproveitando que agora os días son máis longos, o Concello de San Sadurniño retoma a súa programación de camiñadas polo territorio. Son paseos ao aire libre aptos para todas as idades, relativamente curtos -entre 5 e 8 quilómetros de distancia- e cun nivel de dificultade baixo, posto que discorren por pistas e camiños en bo estado e sen demasiado desnivel.A primeira ruta tivo lugar este martes á tarde pola parroquia de Bardaos e nela participaron 25 persoas. Fixeron un percorrido circular de 6,5 km. con saída e chegada no local social.
O Concello organizou outras seis camiñadas que, igual ca esta, tamén partirán dos locais sociais e doutros puntos das distintas parroquias, sempre ás 16 horas. Non é necesario inscribirse, abonda con estar no punto de saída á hora e no día sinalados.
Iso si, desde o Concello aconséllase levar roupa cómoda e clara -mellor chaleco reflectante-, calzado sen tacón que non sexa de estrea, calcetíns de algodón, gorra, bebida e algo de comer… e se vén un día coma o de onte, tamén o paraugas.
As marchas parroquiais son unha proposta que leva varios anos desenvolvéndose con dous obxectivos. Por unha banda fomentar o exercicio ao aire libre e, por outra, contribuír ao coñecemento e a cohesión social do territorio. A próxima cita é en Lamas o venres 29 de abril e o punto de encontro antes de saír será a explanada do local social.
Para máis información pódese chamar ao teléfono do Ximnasio municipal, 647 491 371 en horario de 19 a 23h.
Parroquia | Data | Lugar de saída (en todas ás 16.00h.) |
---|---|---|
Lamas | venres 29 de abril | Local Social do Chao de Lamas |
Ferreira | xoves 5 de maio | Local Social da Seara |
Igrexafeita | venres 20 de maio | Local Social da A.VV. Adiante |
Naraío | luns 30 de maio | Campo de fútbol |
Santa Mariña | venres 17 de xuño | Local Social da Golpilleira |
San Sadurniño | xoves 30 de xuño | Colexio público |