Este último xoves de novembro toca pleno en San Sadurniño, que ademais será o último de carácter ordinario do ano. Unha sesión convocada para as 19:30h que leva oito puntos na orde do día, na súa maioría cuestións de trámite como por exemplo a aprobación da acta anterior, a dación de contas de decretos, a información sobre o período medio de pago a empresas provedoras no último trimestre -que en San Sadurniño foi de 21 días- ou a actualización das ordenanzas de taxas e prezos públicos de cara ao 2026, que se incrementarán, como pasa todos os anos, segundo o IPC. Canda estes temas tamén se incluíron dúas propostas de declaración institucional, unha reclamando un tren moderno para as comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal e outra con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. Ao ser ordinario, o pleno tamén incluirá quenda de rogos e preguntas. Salvo problemas técnicos poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello de San Sadurniño.
A moción sobre o tren, que será a primeira en debaterse, incide na “unidade dos diferentes actores públicos ferroláns e galegos” para reclamar do Goberno do Estado unha modernización integral das conexións ferroviarias de Ferrolterra, Eume e Ortegal, coa idea de poñerlle fin a unha situación que cualificada no texto como “inxusta” e que mantén a comarca “excluída da modernización do transporte ferroviario”. O documento subliña o paradoxo entre a aposta europea polo ferrocarril e unhas infraestruturas locais que arrastran décadas de falla de investimentos, con liñas sen electrificar, curvas de radio reducido e escaseza de servizos que non permiten competir cos desprazamentos por estrada.
A proposta lembra que Ferrol continúa “deficientemente conectado ao resto da rede ferroviaria galega” e que non existe calendario para a chegada da alta velocidade, situación que contrasta co avance das conexións cara á Meseta e no Eixo Atlántico noutros territorios do país. Ademais, critícase a perda da ligazón directa con Madrid e a deterioración do servizo de proximidade en ancho métrico Ferrol-Ortigueira, afectado por “material rodante escasamente fiable” e por unha infraestrutura obsoleta, o que dificulta movementos diarios por estudo, traballo ou outros da vida cotiá.
A maiores do diagnóstico, a moción concreta nove demandas dirixidas ao Estado e á Xunta. Entre elas destacan a restitución inmediata das frecuencias Ferrol-A Coruña e a recuperación da liña directa con Madrid, o inicio en 2025 do estudo informativo para modernizar o eixo Ferrol–Betanzos–A Coruña, a mellora dos servizos de proximidade -con mención específica da antiga FEVE entre Ferrol e Ortigueira- e a creación dunha rede intermodal que integre tren, autobús e outros medios de transporte cunha nova estación en Ferrol. Reclámase tamén a inclusión dos portos na Rede Transeuropea e o traspaso de competencias para xestionar un verdadeiro servizo ferroviario de proximidade en Galicia.
Aínda que na moción non se recolla, o máis seguro é que no pleno tamén se faga un chamamento á participación na manifestación que percorrerá as rúas de Ferrol este domingo ás 12:00h con saída desde a estación de trens, convocada polo Foro Cidadán polo Ferrocarril. Unha mobilización á que xa lle deron o seu apoio concellos, partidos políticos, sindicatos e outras entidades da comarca.
25-N
Pola súa parte, a proposta de declaración institucional polo 25N incide en que “o negacionismo da violencia machista é unha forma de violencia machista” e reafirma o compromiso municipal coa prevención, a sensibilización e o acompañamento ás vítimas. O texto lembra os 18 anos da lei galega contra a violencia machista, así como as eivas detectadas polo Consello de Contas en materia de recursos e atención, e solicita da Xunta e do Estado máis medios, un novo marco de apoio aos CIM, a creación dun xulgado especializado en Ferrol e a consolidación dun sistema público que garanta os dereitos das mulleres.
A declaraciónlembra tamén que en 2025 se fan 30 anos da Declaración de Beijing, advertindo que hoxe volven cuestionarse principios que daquela se consideraron un avance incuestionable, como que “a violencia de xénero é un obstáculo para o logro de obxectivos de igualdade, desenvolvemento e paz”. O documento alerta da “normalización das posicións negacionistas” e da súa coincidencia cun proceso de debilitamento dos servizos públicos, un contexto no que —sinala— urxe a “máis feminismo, máis recursos e máis servizos públicos”.
O texto lembra, ademais, que no 2024 foron asasinadas cinco mulleres en Galicia e que existen máis de 6.000 casos activos no sistema Viogén, cifras que reforzan a idea de que a violencia machista “constitúe un problema de dereitos humanos” ante o que as institucións deben responder con maior firmeza e dotación de medios.