O castelo de Naraío conta desde hoxe cunha ferramenta que nos axudará a entender a súa verdadeira dimensión histórica e, sobre todo, arquitectónica. E é que xa se activou a aplicación móbil desde a que poderemos facer unha viaxe ao pasado e ver, coma se fose maxia, unha reconstrución da fortaleza tal e como debía ser aló polo século XIV. A cousa de maxia ten pouco, pero si moito de investigación e de traballo dun equipo multidisciplinar que implicou persoas expertas en historia, arqueoloxía e modelado 3D para que agora poidamos vivir unha experiencia de realidade aumentada única e sorprendente. Para gozar do resultado hai que achegarse ao castelo, descargar unha APP para dispositivos móbiles e despois apuntar coa cámara a calquera dos dous paneis explicativos que están colocados no acceso principal e no alto do torreón.
A realidade aumentada permite superpoñer información virtual sobre a imaxe que capta un teléfono ou unha tableta. A tecnoloxía hai tempo que existe e un dos campos nos que máis avanzou foi no da interpretación e reinterpretación do patrimonio histórico. En Naraío conflúen os dous: por unha banda temos a recreación en 3D da fortaleza -baseada nas investigacións arqueolóxicas dos últimos 20 anos- e, por outro, a narración que acompaña o percorrido contextualizando tanto a época como as funcións que cumpría cada parte do castelo.
Tal e como explica o director comercial da empresa Xoia Software Development -encargada do proxecto- a aplicación “permítenos ver o castelo como era no seu momento de máximo esplendor reproducíndoo de maneira virtual, e ao mesmo contar as distintas etapas da súa historia e descubrir o entorno natural que o rodea. O castelo reprodúcese exactamente como era tanto por dentro como por fóra, coma se fose de verdade, ou mellor aínda, porque podes acercarte e velo moi de preto, pedra a pedra”.
Para levar a cabo a reconstrución virtual da fortaleza, a firma recopilou a información histórica dispoñible e tamén os estudos realizados nas distintas fases de consolidación. “Para facer unha réplica fidedigna en 3D traballaron arqueólogos dixitais, virtualizadores do patrimonio e especialistas. Todo o que reproducimos ten que ser como realmente era. As partes descoñecidas ou das que non quedan restos suficientes fixémolas baseándonos noutras construcións da zona da mesma época”, apunta Sánchez.
Porén, deixando a un lado as cuestións técnicas, o que máis lle interesará ás persoas visitantes é saber que experiencia poderán vivir gracias á realidade aumentada.
A cousa funciona da seguinte maneira. Ao chegarmos ao pé do castelo veremos un dos novos paneis de información turística colocados polo Concello. Na súa parte baixa hai outro panel inclinado que mostra unha fotografía da fortaleza, un texto descritivo e tamén un código QR desde o que poderemos descargar para Android e iOS o aplicativo de realidade aumentada Time Trip (viaxe no tempo en Inglés).
Unha vez instalado no móbil ou na tableta deberemos elixir o lugar en que lugar estamos -ao pé do castelo ou na parte alta do torreón- e, deseguido, encadrar coa cámara ao panel informativo onde se encontra o QR.
En cuestión de segundos veremos a través da pantalla unha representación 3D do castelo de Naraío cos muros reconstruídos, o torreón almeado, os tellados xa desaparecidos, o trazado do foxo coa súa ponte levadiza… Se nos movemos móbil en man cara a un lado, veremos a fortaleza desde o lado correspondente. Se nos achegamos ao panel tamén veremos o castelo máis grande e detallado. Se nos agachamos, a perspectiva tamén cambiará, talmente coma se se tratase dunha maqueta física a escala, coa diferenza de que esta só se pode ver a través da cámara do móbil.
O panel que hai ao pé do castelo -chamado tecnicamente target- fainos unha introdución histórica e descríbenos as distintas partes da fortaleza, ademais de dar opción de ver como se distribuían os espazos interiores. Quen nolo conta é a voz dramatizada de Alonso de Lanzós, cabaleiro que se puxo do lado dos revolucionarios da Segunda Guerra Irmandiña do S. XV, seguramente co obxectivo de recuperar as herdanzas que lle usurpara Nuno Freire de Andrade cando el era un neno.
A peana colocada no miradoiro do torreón representa a estrutura da torre da homenaxe e, ademais, móstranos a través da pantalla a situación doutros elementos patrimoniais próximos ao castelo, como por exemplo a capela de Santa Mariña, a igrexa de Naraío ou as rutas que pasan pola zona.
A APP tamén permite gardar a visita e compartir a experiencia en redes sociais. Incluso pode utilizarse sen estar no castelo, accedendo directamente á reconstrución 3D ou ao mapa co itinerario para chegar a Naraío.
Un proxecto da Área de Turismo da Deputación da Coruña
O proxecto de realidade aumentada supuxo un investimento próximo aos 15.000 euros, asumidos integramente pola Deputación da Coruña dentro do seu programa de dinamización turística da comarca. O alcalde, Secundino García, destacaba esta mañá a importancia do aplicativo “para poñer en valor un castelo que segue sendo un grande descoñecido e que, gracias a esta app, podemos descubrilo e velo dun xeito que ninguén nos mostrara antes”.
No mesmo sentido tamén se pronunciou o técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández, quen supervisou desde o Concello o desenvolvemento do proxecto e dos contidos. “É unha forma moi didáctica e novidosa de achegarse ao patrimonio e de facelo accesible para toda a xente. Ata o momento só podiamos percorrer os restos do castelo e imaxinar como era antigamente. Agora témolo no móbil con todo detalle e con moitos máis contidos que nos axudan a comprender a súa importancia arquitectónica e histórica”.