Telefónica levará a banda larga a varios lugares do municipio

0

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital acaba de resolver o reparto de axudas entre as operadoras de comunicacións de cara á extensión da banda larga a zonas sen cobertura. A convocatoria lanzouse a mediados deste ano baixo o nome Programa Único-Banda Ancha financiado polos fondos Next Generation e co obxectivo de “achegarse á universalización” das redes de comunicacións con velocidades superiores aos 300 “megas” simétricos, escalables até 1Gbps. En Galicia será Telefónica quen continuará ampliando as infraestruturas necesarias que, no caso de San Sadurniño, levarán a banda larga a un total de 23 puntos de Naraío, Santa Mariña e Ferreira. Esta nova fase do despregamento vén sumarse ás promovidas polo Estado e a Xunta en anualidades anteriores. Dentro delas dotouse -ou está previsto dotar- con boa conexión todo o centro urbano de San Sadurniño e os lugares máis poboados de Lamas, Ferreira, Igrexafeita, Bardaos e Santa Mariña.

O plan de extensión da banda larga correspondente a 2020 incluiu tres proxectos, correspondentes á fibra óptica no Casal, Marqués de Figueroa e o Outeiro, a zona de San Xiao de Lamas e a chegada da alta velocidade de conexión á Golpilleira, en Santa Mariña. Trátase de programas que deberán estar completados no ano que entra e, mentres, o Estado sacou a convocatoria de 2021 que en teoría debería executarse  no período 2022-23, dado que o Ministerio aspira a unha “cobertura total” de boa calidade en todo o país (mínimo 100 “megas”) no horizonte de 2025.

O Programa Único-Banda Ancha abriu un prazo para que as operadoras de comunicacións presentasen as súas ofertas de cobertura con axuda estatal, de acordo co mapa de zonas grises e brancas -lugares sen servizo ou cunha calidade mala- deseñado polo Ministerio onde figuran aquelas zonas nas que as operadoras non prevían facer investimentos por non saírlles a conta.

Para solventar a situación nos lugares que se reflicten no mapa de 2021, Telefónica de España -adxudicataria dos fondos en Galicia- cuantificou o investimento en 25,7 millóns de euros, case 4,5 para provincia da Coruña, algo máis de 6,3 para a de Pontevedra, preto de 3 millóns para Ourense e 16,3 millóns no caso da provincia de Lugo. Deses máis de 25 millóns, o Estado financiará 19,3 canalizando as axudas para a dixitalización dos fondos de recuperación e resiliencia Next Generation.

E en San Sadurniño cales son os puntos incluídos no plan 2021?. Son un total de 23 que se distribúen principalmente por Naraío e Santa Mariña.

Así, en Naraío o despregamento farase no limite da Coveluda, A Fontela,  Fontao, parte de Pereiras, Cabanas, O Eirexado-Correlo, A Pena, A Cernada, Pielas-O Batán, Lourido-Neirós, A Ferraría e Riolimpo.

En Santa Mariña forman parte do plan 2021 de extensión da banda larga os lugares do Cal, Vilar e Castrelo. Por último, no plano que pode consultarse nesta ligazón -onde aparecen máis lugares dos que realmente se van dotar de banda larga- tamén se sinala o lugar de Caínce, en Ferreira.

Segundo aparece na documentación ministerial, a solución técnica é utilizar infraestruturas de fibra óptica.

 

Share.