2022 comeza con seis cursos relacionados con Internet e as TIC

0

O mes de xaneiro virá cargado de propostas formativas para defenderse mellor na rede e facer xestións a través dela, con varios cursos gratuítos encadrados na actividade da Aula CeMIT de San Sadurniño e tamén no acordo de colaboración que mantén o Concello coa academia TELEGAL. As actividades da aula municipal centraranse na iniciación á informática e a navegación por Internet desde ordenador, así como na axuda a particulares e entidades para que saiban como relacionarse coas Administracións públicas agora que é obrigatorio facelo por vía telemática. No caso de TELEGAL os cursos -de 15 horas de duración- serán sobre ferramentas de utilidade para dar clases, sobre menores e seguridade na rede e, por último, sobre como usar e sacarlle proveito á aplicación de deseño Canva.

Empecemos pola Aula da Rede CeMIT. As actividades para público en xeral comezarán o 18 de xaneiro e desenvolveranse até o 16 de marzo por videoconferencia divididas en dous grupos, un os martes de 10:00 a 11:30h e outro os mércores no mesmo intervalo horario. Aprenderemos o básico do manexo do ordenador e da navegación pola rede partindo de cero e, neste sentido, será necesario dispor de computador e conexión á rede.

Para anotarse fará falla chamar ao teléfono/whatsapp 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. Se alguén precisa axuda cos primeiros pasos, a técnica Carmen Suárez tamén ofrecerá titorías presenciais con cita previa, co obxectivo de que as persoas participantes sen ningún coñecemento se poñan rapidamente ao día -acendido, configuración da cámara, etc.- e poidan seguir o resto do curso desde a casa.

Esta acción formativa simultanearase cun servizo de axuda personalizada e presencial para aquelas persoas que xa teñan unha certa base e que queiran facer trámites electrónicos co Concello ou coa Xunta -certificado dixital, Chave 365, descarga de certificados COVID, etc.-. Poderán solventar dúbidas na aula da Casa da Cultura con cita previa os martes, mércores e venres de 9 a 14:00h e, ademais, tamén haberá sesións dentro dese mesmo horario nos locais sociais das parroquias: en Santa Mariña o 17 de xaneiro, en Lamas o 24 de xaneiro, en Bardaos o 31 de xaneiro, en Naraío o 7 de febreiro, en Igrexafeita o 14 de febreiro e en Ferreira de abaixo o 21 de febreiro, datas en que a técnica Carmen Suárez estará dispoñible en cada sitio en horario de 9 a 14:00h.

Por outra banda, as entidades do municipio tamén poderán reservar cita eses mesmos días para saber os requisitos e as maneiras de cumprir coa normativa de relación coas Administracións públicas, que agora lles esixe facer todos os trámites por vía electrónica.

O Certificado Electrónico da FNMT para colectivos sociais, a Chave 365 e a Cl@ve Pin, as sedes electrónicas do Concello e da Xunta, o servizo Notifica.gal e Dehú, son só algunhas das cuestións que cómpre coñecer e manexar con soltura para que asociacións veciñais, culturais e clubes poidan acceder a subvencións e facer outras xestións con eses organismos.

Actividades propostas por TELEGAL
De cara ao 2022, a Academia TELEGAL -quen xa colaborou co Concello impartindo cursos gratuítos a primeiros deste ano– tamén abrirá nuns días o prazo de inscrición en tres actividades que comezarán o 17 de xaneiro e rematarán o 27. Os tres cursos terán unha duración de 15 horas e desenvolveranse mediante teleformación. Por este motivo tamén fará falla dispor de ordenador e conexión á rede e, pola propia temática, tamén coñecementos básicos ou medios.

O primeiro deles, titulado “Gamificación nas aulas” mostrará distintas ferramentas para preparar clases dun xeito ameno e que motiven ao alumnado, intorducindo para iso as aplicacións  Kahoot, Plickers, Educaplay, Classdojo e Genially, que teñen unha alta compoñente lúdica e interactiva.

O segundo curso denomínase “Menores e seguridade na Rede” e ocuparase de formar ás nais e pais sobre como conseguir que a rapazada faga un uso responsable da Internet, empezando pola descrición das vantaxes e riscos e a importancia da educación, acompañada sempre dunha supervisión parental que abranga tanto a navegación pola rede -webs, redes sociais, etc.- como a prevención de ludopatías.

A terceira proposta de TELEGAL abordará a creación de deseños coa ferramenta Canva. Con ela pódense elaborar contidos visuais para a súa impresión en papel ou para publicalos en redes sociais, axudando desta maneira a promocionar produtos ou a crear o que se denomina “marca persoal”, que pode ser de grande utilidade na busca activa de emprego.

Para anotarse nestes tres cursos fai falla cubrir cadanseu formulario en liña. A eles accédese desde a web  de TELEGAL ou picando nos títulos sinalados en verde nos tres parágrafos anteriores. O prazo para anotarse en calquera deles permanecerá aberto entre 7 e o 13 de xaneiro.

 

Share.