Xosé Castro, Pepucho: “Os móbiles están acabando co fotoxornalismo”

0

Este domingo inaugurouse oficialmente a exposición “Paseando polos anos 60” con máis dunha vintena de fotografías que nos ofrecen unha visión distinta sobre a cidade da Coruña e algúns outros lugares, incluído San Sadurniño, durante esa década. Son imaxes captadas polo fotoxornalista de La Voz de Galicia Xosé Castro, máis coñecido como Pepucho. Empezou no oficio sendo aínda un neno da man de Alberto Martí, outro grande do xornalismo gráfico, quen foi para el mestre e “como un pai” do que aprendeu a técnica e tamén un xeito de mirar á realidade meténdose nela con humildade. A mostra que se pode visitar até o 30 de xuño na Galería do Concello tamén conta con algunha imaxe de Martí, concretamente varias instantáneas do muíño de Varela e dúas do grupo escolar inaugurado en 1960 nas que aparecen varios rapaces gozando do recreo baixo a supervisión de Don Ignacio, o seu profesor. Algúns daqueles nenos, hoxe avós e bisavós, acudiron onte á inauguración para buscárense na foto no que foi, de feito, un reencontro para lembrar tempos pasados.

Mundo Sanjurjo, un daqueles cativos, contou  varias anécdotas da súa época no grupo e recordou a figura do mestre que botou 40 anos en San Sadurniño, “o home que me formou”, dixo Sanjurjo, “que tivo que loitar con nenos desde os 7 anos ata os que tiñan máis de 16 que eran máis grandes ca el. Tiña que ter man dura, pero foi o mellor que nos puido ter tocado á maior parte dos chavales de San Sadurniño”.

Don Ignacio era un mestre estricto e en certo modo ecuánime cara ao seu alumnado -acompañado en todo momento da súa “secretaria técnica” (unha vara)- do que, malia todo, o alumnado garda un grande recordo, quizais porque o seu sistema docente se afastaba un tanto do espírito relixioso e patriótico que tinguía o ensino daquel tempo.  O seu fillo, tamén presente na inauguración, comentou visiblemente emocionado que para el “é un consolo” que moitos daqueles rapaces lembren a seu pai “como un exemplo”.

Unha pequena parte daqueles cativos que andaban entre os 7 e os 12 anos no arranque dos anos 60 acudiu á presentación da mostra fotográfica para tentar recoñecerse nunha imaxe captada naquel momento polo fotógrafo coruñés Alberto Martí, quen acudiu a San Sadurniño a raíz da serie que estaba facendo para deixar constancia dos novos grupos escolares que se construíran na provincia.

Un dos seus discípulos, Xosé Castro, describe a Martí como “un dos mellores fotógrafos do século XX, cunha visión totalmente diferente daquel tempo, un home implicado. Cun espírito diferente ao fotoxornalismo “oficial” que había naquel tempo”.

Castro -coñecido na coruña como Pepucho– empezou na fotografía a finais dos anos 50, sendo pouco máis que un neno, no estudo Foto Blanco, fundado por Ángel Blanco “con Ksado e Villar, outro dos grandes fotógrafos galegos, aínda non suficientemente recoñecido”. De Blanco, xa un ancián por aquel entón, Pepucho aprendeu “a temperanza e a necesidade de que as fotografías se fixesen ben”, mentres que de Martí herdou algo máis: “Eu era un neno, meu pai morrera, eu aprendín del desde mover as mans como as movo agora ata querer chegar aos sitios, estar sempre no sitio. Foto Blanco era un punto de referencia para todo o que ocorría na cidade (da Coruña) e no entorno. Faciamos vodas, bautizos e comuñóns, pero tamén traballabamos para La Voz de Galicia e tiñamos que deixar todo o demais cando había que atender ao xornal. A nós chamábanos a xente para informarnos de todo tipo de cousas que ocorrían e eramos os primeiros en chegar”.

A exposición “Paseando polos anos 60”, ademais do aparte que supón a imaxe da rapazada da escola, é unha escolma dos inicios de Xosé Castro no fotoxornalismo, unha profesión na que leva máis de seis décadas. Primeiro foron estampas da vida social da Coruña: personalidades que visitaban a cidade, eventos deportivos, a vida nos barrios… a mudanza que se ía producindo na cidade, en definitiva, alternada con fotografías noutros puntos da provincia que hoxe quedan como impagables documentos gráficos e etnográficos.

Porén, sería a partir da década seguinte cando Pepucho confirmou a súa valía como todoterreo do fotoxornalismo retratando momentos históricos como o accidente de Aviaco no que pereceron 85 persoas, a loita campesiña das Encrobas, o incendio do Pazo de Meirás ou o embarrancamento do cargueiro Casón na Costa da Morte. “Teño fotografado un pouco da historia de Galicia. Houbo xente que morreu diante miña e fixen fotos que hoxe non faría”, comenta Castro, quen se define como un fotógrafo ansioso por estar dentro da realidade recollida pola cámara e por non escatimar en medios para buscar sempre o mellor ángulo, algo que aprendeu de Martí. Unha ansia que lle valeu para conseguir imaxes de grande forza informativa e estética -e algún que outro golpe- e para conectar coa xente, sobre todo coa máis desfavorecida. “A xente, canto máis humilde, máis amable e máis me facilitou o traballo. Os peores e máis maleducados sempre foron os engaravatados”.

En máis de medio século de profesión, Pepucho viviu as mudanzas dunha profesión na que el chegou a fotografar con caixa de placas e “flash” de magnesio, para vivir despois “a chegada da cor, da informática…” e, segundo asegura, a seria ameaza que hoxe supoñen para o oficio os teléfonos móbiles e os novos modelos que aplican os medios de comunicación. “O fotógrafo acabouse. Agora os bombeiros danche as fotografías do que pasou durante a noite, xa non fai falla ter un fotógrafo de garda”, lamenta.

“Paseando polos anos 60”, resultado da casualidade e da amizade
Na súa longa carreira, Xosé Castro estivo en San Sadurniño en distintas ocasións. Porén, a exposición que se pode visitar até finais de mes no Concello é froito da casualidade e da amizade que o fotógrafo mantén con Víctor Rico, Vitucho, veciño de San Sadurniño que leva 50 anos vivindo na Coruña.  “Pepucho é un dos mellores fotoxornalistas galegos da segunda metade do século XX e cando atopaba calquera cousa no arquivo de Foto Blanco sobre San Sadurniño sempre me avisaba. Un día apareceu unha carpeta con negativos do muíño de Varela e, tirando do fío, acabou aparecendo tamén a da escola, que é un documento excepcional”, explica Rico.

A exposición fotográfica debería ter chegado a San Sadurniño o ano pasado, cadrando cos 60 anos do grupo escolar. Non puido ser por mor da pandemia. Agora, grazas a Víctor Rico e Xosé Castro temos até o 30 de xuño para visitala -de luns a venres en horario de 9 a 14.00h.- e recordar momentos dun pasado xa lonxano que queda máis preto do que nos parece.

Share.