Xornada de portas abertas na EIM A Rolada

0

Familias e crianzas pasaron ao longo desta mañá pola escola infantil municipal para, no caso de quen empezan, coñeceren as instalacións e irse afacendo a elas. Baixo a atenta mirada de pais, nais e mestras, a cativería correu polas aulas, brincou cos xoguetes ao seu antollo e tamén gozou do sol e dos enredos no patio exterior. Hoxe foi só iso, unha toma de contacto co espazo no que pasarán parte do día durante os próximos meses. O luns comeza o período de adaptación e agárdase que sobre o día 16 a maior parte do alumnado leve xa unha rutina normal en cada unha das tres aulas. Este ano o centro conta con 30 matrículas e aínda hai dispoñibles prazas nas unidades de 0-1 ano e de 1 a 2. As familias que precisen este servizo de conciliación poden solicitar as vacantes en calquera momento. Sobre esta cuestión ofrecen máis información no propio centro.

Aínda que hoxe a escola xa estivo chea de actividade infantil, o arranque do curso para as familias foi xa o mércores, cando se convocou unha xuntanza co profesorado e con persoal municipal para explicar as cuestións xerais sobre o funcionamento do centro. Ademais, onte tamén houbo encontros individuais das mestras coas nais e pais para abordar que tipo de atención precisará cada criatura. “Nesas entrevistas, á parte dos datos persoais, o que buscamos é saber aspectos puntuais de cada nena ou neno: alerxias, manías,  costumes para durmir, se comen ben, se mastigan ben, se comen papa… un pouco o aspecto puntual de cada neno ou nena para ofrecerlles despois a mellor atención”, explica a directora da escola, Lucía Formoso.

O luns comeza o período de adaptación cunha estadía de hora e media na que tamén estarán presentes os pais e nais. Nos seguintes días a presenza adulta irá reducíndose co obxectivo de que a incorporación ao centro sexa progresiva e o menos traumática posible para as crianzas (e tamén para as mamás e papás). A experiencia das mestras da EIM A Rolada indica que ás poucas xornadas a maior parte das meniñas e meniños entran e permanecen na escola sen maior problema.  “Podemos dicir que o día 16 contamos que todos os nenos estean adaptados, sempre tendo en conta que os ritmos son diferentes e que pode haber algunha crianza que non estea adaptada ao cen por cen”.

O centro de ensino empeza curso cun total de 30 matrículas sobre unha capacidade total de 38 criaturas. A aula de maior idade, a de 2 a 3 anos, ten completas as 17 prazas ofertadas; a de 1 a 2 conta con 11 pequenos, polo que aínda dispón de 2 prazas libres e, por último, a de bebés de 0 a 1 ano, para a que se rexistraron só dúas solicitudes de matrícula, de maneira que conta con capacidade para 6 crianzas máis. Segundo apuntan desde o centro, esta última aula seguramente acabe completándose ou quede a piques de facelo, posto que nela entran nenas e nenos a partir dos tres meses de idade que, se cadra, aínda acaban de nacer ou o que nacerán proximamente.

Tanto estas prazas dispoñibles para a aula de menor idade como as dispoñibles en 1 a 2 anos poden solicitarse en calquera momento -non é preciso agardar períodos de reserva-. As familias poden recoller a documentación e informarse na propia escola infantil municipal, aínda que logo as solicitudes se deban rexistrar no Concello.

 

Share.