Xornada de peche do proxecto europeo ECMYNN

0

O Concello de San Sadurniño participou durante os últimos dous anos no proxecto europeo ECMYNN, pensado para mellorar as competencias de todas aquelas institucións públicas e privadas relacionadas coa mocidade e, nomeadamente, coa mocidade que nin estuda nin traballa.

Ademais de San Sadurniño, no proxecto integráronse entidades de Grecia, Italia, Polonia e Romanía que desenvolveron un intenso labor de investigación e de dinamización xuvenil de cara a detectar problemas e necesidades da xente nova máis aló dos datos que reflicten as estatísticas -5 millóns de ninin en Europa con idades entre os 20 e os 34 anos-. En último caso o ECMYNN pretende crear un manual de boas prácticas de aplicación en toda a Unión que sirva de guía metodolóxica para reducir o problema.

Neste sentido, San Sadurniño presentará as conclusións do proxecto na mañá do venres 30 de xuño, coa asistencia de persoal técnico relacionado coa iniciativa europea e tamén con representantes da administración autonómica e doutros concellos.

Encontro participativo “A rapazada conta”
Porén, no día en que se pecha oficialmente o proxecto europeo ECMYNN, o Concello tamén convoca para a tarde a toda a mocidade que participou na iniciativa -e á que non tamén- para facer un encontro a medio camiño entre o traballo e o entretemento.

Nel farase balance do que deu de si o proxecto e falarase sobre como abrir novas vías de participación da mocidade na vida municipal, entre elas a dinamización da Casa da Xuventude e a definición dunha programación formativa e de lecer sostida que responda ás demandas da xente nova. Iso si, será unha cita informal, con moito xogo e moita parola onde o protagonismo sexa todo da xuventude.

O encontro “A Rapazada conta” desenvolverase xusto antes das actividades programadas co gallo do Venres en Sansa! dese día, no que haberá unha tirolina xigante instalada nos xardíns municipais, un guateque na Casa da Cultura, un obradoiro de astronomía no contorno do paseo fluvial e unha ruta de sendeirismo nocturna.

VENRES 30 DE XUÑO ►► CASA DA XUVENTUDE DE SAN SADURNIÑO

PROGRAMA DA MAÑÁ

10:00h – 10:30h ►► APERTURA DA XORNADA
Alcalde do Concello de San Sadurniño. Secundino García Casal.
Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, na Xunta de Galicia. Cecilia Vázquez Suárez.

10:30h – 11:30h ►► A MOCIDADE DE SAN SADURNIÑO
Concello de San Sadurniño. Ignacio Fernández López, técnico de desenvolvemento local.
Empresa Deloga. Ismael Blanco Bouza, sociólogo.
En primeira persoa. Rolda de intervencións de mozas e mozos de San Sadurniño.

11:30h – 12:00h ►► PAUSA

12:00h – 13:00h ►► COMO ABORDAR AS POLÍTICAS DIRIXIDAS Á MOCIDADE?
Rede Galega de Dinamización Xuvenil da Xunta de Galicia. Fernando Rodríguez Castro, dinamizador xuvenil.
Deputación da Coruña. Sofía Agrafojo Rey, técnica de proxectos de xestión.
Concello da Coruña. Natalia Balseiro Rodríguez, asesora técnica da área de Participación e Innovación Democrática.
Fundación Eduardo Pondal. Aldea do Couto. Tamara Lema Rodríguez, Sofía Araceli González Fondo e Uxía Varela Bermúdez.
Empresa Deloga. Tamara Rubiños Varela, socióloga.

13:00h – 14:00h ►► RESPOSTAS EN REDE
Sesión de traballo en grupo e intervencións abertas para a formulación de alternativas ás debilidades detectadas.

14:00h ►► CLAUSURA DA XORNADA

PROGRAMA DA TARDE

17:00h – 19:00h ►► ENCONTRO PARTICIPATIVO COA MOCIDADE “A RAPAZADA CONTA”
Sesión de feedback coa xente nova sobre os  resultados do proxecto europeo ECMYNN co obxectivo de verificar coa xente moza os principais datos obtidos e procurar unha maior implicación xuvenil na definición das políticas públicas orientadas á formación e o lecer. Evento aberto a toda a mocidade de San Sadurniño que se desenvolverá na Casa da Xuventude.  Pouco antes de rematar o encontro farase o sorteo dun minidron Airis entre todas as persoas que lle desen ao “gústame” na noticia publicada na páxina en Facebook do Concello de San Sadurniño ata as 12.00h. do venres. 

peec

Share.