Xesús Manuel Valcárcel: “Casares é unha figura fundamental da Cultura galega”

0

O escritor Xesús Manuel Valcárcel estivo este xoves en San Sadurniño para impartir unha charla na Casa da Cultura sobre Carlos Casares, o autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas. A charla non chegou a celebrarse por falla de asistentes, pero tivemos tempo de conversar con el un bo anaco para que nos contase cal é, desde o seu punto de vista, a verdadeira dimensión do escritor e activista cultural. Valcárcel -quen tratou persoalmente a Casares- teno claro: “é unha figura fundamental da Cultura galega”.

Xesús Manuel Valcárcel (Lugo, 1955) trabou amizade con Carlos Casares a raíz da súa actividade literaria. De feito, foi Galaxia quen publicou a maior parte da obra narrativa de Valcárcel até o momento publicouse na etapa en que a editorial estaba dirixida por Casares. “Fun amigo persoal del ata o seu pasamento. A relación que eu tiven con el foi de autor-editor, publicou moitos libros meus e mantiven sempre con el unha relación de amizade”, explica Valcárcel.

Unha relación de amizade e de contacto cultural que lle dán unha certa perspectiva e autoridade para analizar o que foi Casares como “unha figura fundamental” dada a súa polivalencia. “Foi escritor, foi tradutor e foi un activista cultural… e como director de Galaxia desenvolveu unha actividade fundamental para a proxección da Cultura galega”. Cómpre lembrar que Casares recolleu o legado de Ramón Piñeiro -o seu grande mentor desde os anos mozos- á fronte dunha editorial que el se encargaría de modernizar.

Nado en 1941, o Carlos Casares escritor “é fillo das circunstancias do seu tempo”, marcadas polos conflitos dos anos 60 e tamén pola ruputra social e cultural que se produciu a finais da década, cun Casares en Santiago alentando os estertores do Franquismo e a brisa que chegaba suave e aos poucos de acontecementos como o Maio do 68 ou as protestas contra a guerra do Vietnam na outra banda do Atlántico.

Comezou a escribir como adolescente de seminario e, xa en Compostela, arranca coa narrativa tras uns escarceos iniciais coa poesía. Faino experimentando e influído, coma outros e outras da súa xeración, polos movementos socioculturais e políticos que marcaban a época. “El tamén é fillo das teorías que inflúen aos autores da súa xeración: o existencialismo, o marxismo e autores fundamentais como Faulkner, Kafka ou Hemingway e o movemento Nouveau roman francés. El e outros autores van producir unha grande renovación na novela, o que se coñece como Nova Narrativa Galega.”

Porén, o autor pasa rápido da experimentación a atopar un estilo propio, sinxelo e directo. “A partir de 1975 -despois de Xoguetes para un tempo prohibido– el pasa a novelas non tan innovadoras pero con máis densidade dos personaxes”. Valcárcel cita, entre elas, Deus sentado nun sillón azul, Ilustrísima, ou O sol do verán (obra que vería a luz tralo seu pasamento) para sinalar que, a diferenza da etapa anterior, “os personaxes están moito mellor trazados, teñen maior profundidade psicolóxica”.

Segundo Xesús Manuel Valcárcel, outra das facetas fundamentais de Casares é a de columnista. A súa columna Á marxe converteríase en diaria en La Voz de Galicia desde 1992 até 2002Milleiros de textos breves escritos “desde unha posición de observador consistente en identificarse coas persoas do común”. MIcrorrelatos ou “nanorrelatos” cun innegable valor normalizador do idioma: “Á marxe era o único texto en galego que moita xente lía ao longo do día na prensa diaria”. Alén diso, tamén era o referente para unha lexión de seguidores e seguidoras que ían directamente á procura de Casares tan pronto como abrían o xornal.

Share.