Xan Pouliquen, pioneiro da agroecoloxía, pecha este venres “Apostando polo sector primario”

0

O enxeñeiro de orixe francesa Xan Pouliquen leva anos afincado en Galicia, onde asentou para vivir e para desenvolver unha intensa actividade a prol da agricultura e a gandeiría sustentables. Foi pioneiro na agroecoloxía e dun tempo a esta parte está centrado no asesoramento e na formación para a posta en marcha de proxectos relacionados co sector primario que teñan como principal estratexia a responsabilidade ambiental e social. El será o último convidado do ciclo “Apostando polo sector primario”, organizado polo Concello en colaboración coa AGFA do Eume, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña e a Casa do Mel de Goente. Este venres a partir das 19.00h. falará na Casa da Xuventude sobre os peches vexetais e os seus beneficios para os cultivos.

Pouliquen é autor de dúas das guías de referencia para quen queira meterse no cultivo sustentable: “Horta ecolóxica na Galiza. Guía práctica para o cultivo” e “A Horta sen químicos”, esta última escrita man a man con Calros Rodríguez Silvar. En ambos libros Pouliquen -que tamén escribiu sobre produción leiteira con pastoreo- avoga por concibir o cultivo como unha parte máis do ecosistema en que se desenvolva e co que interactuará durante o seu crecemento e, neste sentido, propón respectar os ciclos naturais en vez de forzalos, combinar e diversificar plantacións e, por suposto, eliminar os produtos químicos para fertilizar e para eliminar pragas.

Dentro das medidas que axudan a obter froitos totalmente libres de produtos sintéticos estaría o mantemento das sebes e peches naturais das leiras, que poden ser moi beneficiosas para as plantacións de horta, árbores froiteiras e incluso praderías.

E é que unha sebe ou unha silveira -entendámonos, unha silveira controlada, non un silveirón- fai de cortaventos, axuda a manter os niveis de humidade e temperatura, axudan a controlar os niveis de nitratos e fosfatos e, ademais, tamén poden albergar numerosa fauna predadora das pragas máis habituais.

Estas e outras cuestións serán as que trate Xan Pouliquen na súa charla, programada para este venres ás 19.00h. na Casa da Xuventude. Para asistir non fai falla inscrición previa, igual que nas charlas anteriores da serie formativa “Apostando polo sector primario”. Na presente edición deste programa municipal ofrecéronse dúas sesións máis, a primeira o 26 de abril centrada na etiquetaxe agroalimentaria e na produción de mel e a segunda o pasado venres, cando se falou de melloras na produción de froita e da fiscalidade das rendas complementarias obtidas pola venda de produtos da terra.

 

Share.