Xa somos Xeoparque Mundial da UNESCO!!!

0

É oficial. A UNESCO acaba de ratificar como xeoparque o proxecto presentado polos sete municipios integrantes da Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal. Foi esta mañá, no remate da 216º Sesión do Consello Executivo da UNESCO, celebrada na súa sede de París, e tras examinar os documentos e informes emitidos en decembro do 2022 polos auditores que visitaron o territorio o pasado verán. O organismo internacional confirmou a candidatura da zona e a doutros 17 novos territorios do mundo. O Xeoparque Cabo Ortegal convertese así no segundo de Galicia, o primeiro da provincia da Coruña e o único da Península Ibérica que obtén o distintivo nesta anualidade. A asociación promotora -formada polos concellos de Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño- recibiu a nova con grande satisfacción tras case oito anos de intenso traballo,  ademais de lanzar un agradecemento especial dirixido a todas as Entidades Amigas, ao Comité Científico, á Deputación da Coruña, ao persoal técnico e de asesoramento e, principalmente, á veciñanza que apoiou o proxecto e fixo del unha aposta ganadora. O Xeoparque Cabo Ortegal pasa así a formar parte da rede mundial xunto as outras 17 novas candidaturas ratificadas tamén esta mañá. Desde hoxe son 195 espazos de 46 países declarados como UNESCO Global Geopark, un selo ao mesmo nivel que o de Patrimonio da Humanidade. 

Os concellos implicados iniciaron o seu traballo conxunto en xuño de 2015, xusto unha semana despois de que se conformasen as novas corporacións saídas das eleccións municipais daquel ano. A agrupación municipal recollía deste modo o labor de difusión iniciado tempo antes por outros colectivos, como a Asociación de Amigos do Parque Xeolóxico do Cabo Ortegal. En 2020, tras constituírense formalmente como entidade supramunicipal,  presentouse por primeira vez a candidatura a Xeoparque ante a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO, que finalmente non prosperou (España non propuxo ningún territorio nese primeiro ano de pandemia).

Un ano despois reformulouse a candidatura e o ente estatal admitiuna como candidatable, recibindo ademais a maior puntuación. A partir de aí o proxecto iniciou a súa andaina internacional e a finais do verán de 2022 foi avaliado polos auditores da UNESCO Ghris Woodley-Stewart e César Goso durante unha estadía de cinco días na que percorreron todo o territorio para coñecer a  súa excepcionalidade xeolóxica, ademais de manteren diversos encontros con axentes sociais e económicos de cara a saber da súa implicación co proxecto.

Ambos avaliadores emitiron informes favorables que foron elevados á Comisión Internacional de Xeoparques.  En decembro de 2022 a Comisión aprobou por unanimidade que o Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal fose recoñecido como tal na 216ª reunión do Consello Executivo da UNESCO, celebrada estes últimos días en París.

Tras ratificarse oficialmente o Xeoparque do Cabo Ortegal, desde a asociación promotora destacouse nunha nota de prensa enviada aos medios “a oportunidade para o desenvolvemento socioeconómico dos 7 concellos, porque un Xeoparque, sobre calquera outra cousa, é un proxecto de desenvolvemento territorial. Supón algo máis que un impulso ao turismo, contribuíndo a xerar oportunidades no sector primario, mediante un aproveitamento sostible do territorio, e tamén para estimular ao sector secundario. Sen dúbida é unha oportunidade para reforzar e potenciar o traballo en rede que se leva facendo todos estes anos, apostando por un crecemento conxunto e harmónico de todo o territorio.”

Tamén os avaliadores internacionais -que apoiaron o proxecto desde o primeiro momento- enviaron os seus parabéns. Neste sentido, o uruguaio César Goso felicitou o territorio por un recoñecemento “que celebra o voso patrimonio natural e cultural”. Goso agradeceu “o que puiden aprender aí e a oportunidade de recoñecer en vós o don de xentes, como o de moitos outros galegos que contribuíron a forxar o país onde vivo”. O auditor, que tamén é un dos responsables do Xeoparque Grutas del Palacio -o único do Uruguai-, expresou a súa esperanza de “interactuar a través dalgún proxecto ou actividade no futuro, para coñecer máis e achegar quizais a parentes e amizades de ambos lados do océano”.

Pola súa parte, Chris Woodley-Stewart -director científico do xeoparque británico North-Pennines- volveu louvar o territorio: “Se a nosa tarefa tratase simplemente dunha avaliación do carácter, a singularidade e a pura beleza dun lugar, a conclusión tería sido doada. Pero trátase de chegar ao corazón dun sitio de forma moi rápida e comprender como podería funcionar como Xeoparque. Aquí atopamos un patrimonio natural e cultural excepcional que a comunidade protexe, valora e comparte libremente. A xente entende que a súa natureza e cultura son os principais bens a longo prazo para a economía local e, ademais, serve de sustento para a súa forma de vida en grande medida”. Woodley-Stewart felicitou “a todas as persoas involucradas, polo seu traballo na educación e a conservación, e en axudar ás persoas a desfrutar e comprender a xeoloxía, a paisaxe e a cultura deste sitio. Sei que hai xente apaixoada detrás dun lugar que apaixoa, que se asegurarán de que Cabo Ortegal se convirta nun excelente Xeoparque Mundial da UNESCO e que esta designación suporá un beneficio real para a zona”.

O traballo prosegue
A obtención do distintivo UNESCO Global Geopark non é permanente, senón que hai que traballar constantemente para mantelo. Cada catro anos é preciso pasar de novo por unha auditoría se cadra aínda máis exhaustiva que a efectuada o pasado verán por Goso e Woodley-Stewart. Nela comprobarase sobre o terreo que se están cumprindo os obxectivos de desenvolvemento, de conservación, educativos, científicos, de dinamización territorial, de comunicación, etc., e que efectivamente se están a obter resultados.

Cada xeoparque ten un discurso propio e diferenciado dos demais, centrado nunha etapa concreta da formación do noso planeta, constituíndo así no seu conxunto un relato que nos mostra como se configurou a Terra durante millóns de anos. É por isto que os xeoparques traballan en rede, mantendo relacións constantes a través de foros especializados e eventos nos que se intercambian experiencias e boas prácticas.

No caso do Xeoparque Cabo Ortegal, a súa riqueza a nivel xeolóxico é indiscutible, destacando que este territorio alberga rochas en superficie de máis de 490 milóns de anos, e materiais que habitualmente se atopan a máis de 70 quilómetros de profundidade, algo excepcional e que se dá en moi poucos lugares do noso planeta. Ademais conta cun dos maiores e mellores afloramentos mundiais de ecloxitas, rochas producidas a grandes presións. Estas son algunhas das razóns que fan do territorio do Xeoparque do Cabo Ortegal unha auténtica viaxe ao interior da Terra.

Actualmente a Asociación para a Xestión do Xeoparque do Cabo Ortegal está a traballar en paralelo en diferentes proxectos, entre os que destaca a posta en marcha das actuacións incluídas no Plan de Sostenibilidade Turística en Destinos -cunha achega estatal de 1,5 millóns de euros- cuxa finalidade é o deseño e posta en marcha dun produto turístico especializado, baseado no xeoturismo como fío conductor dunha estratexia a dous anos vista baseada na transición verde e sostible, na eficiencia enerxética, na transición dixital e na competitividade.

Ademais, con carácter inmediato -e cumprindo as recomendacións formuladas polos avaliadores da UNESCO nos seus informes- tamén se acometerá a selección dun equipo técnico propio, encargado de coordinar e definir o funcionamento do proxecto nos próximos anos, garantindo así a estabilidade do xeoparque e a consecución dos obxetivos marcados.

Share.