Xa se poden solicitar os abonos para a piscina municipal

0

Faltan pouquiños días para que empece oficialmente o verán e con el a temporada na piscina municipal de Currás, un servizo que estará aberto ao público desde o 17 de xuño até o 15 de setembro, ambos días incluídos, aínda que con horarios ampliados os festivos e durante a fin de semana. Nela tamén haberá cursos de natación e ofrécese a posibilidade de mercar distintos bonos para que os baños nos saian a mellor prezo. Ademais, a piscina tamén permanecerá aberta durante esta fin de semana  exclusivamente para a rapazada participante no Torneo de Fútbol 8 que organiza o CF San Sadurniño. A inscrición nos cursos de natación pode facerse desde o luns, mentres que os abonos xa poden solicitarse.

O horario de baños libres é de 15.00 a 21.00h. pola semana e de 12.00h. a 21.00h. os sábados, domingos e festivos. As actividades da escola municipal de natación desenvolveranse os luns, mércores e venres de 11.00 a 14.00h. cos grupos habituais de prenatación, iniciación e perfeccionamento, sempre que se xunte un mínimo de inscricións, que poden facerse desde este luns 17 de xuño na Casa da Cultura. Os cursos comezarán o 1 de xullo e rematarán o 31 de agosto.

As entradas individuais para baños libres deberán collerse cada día na cantina da piscina. Porén, os abonos para a temporada e para os cursos hai que facerse con eles na Casa da Cultura en horario de 8.30 a 14.00h. os luns, mércores e venres.

O abono é unha opción certamente interesante xa que, por exemplo, unha persoa adulta que merque tique para toda a tempada -29,52 €- terao descontado en tan só 10 baños. A solicitude destes descontos por xunto pode presentarse desde este mesmo venres. Os prezos mantéñense practicamente igual que o ano pasado, variando só o que subiu o IPC.

Ao respecto do pagamento  hai que ter en conta que os cursos se poderán satisfacer directamente na Casa da Cultura con tarxeta de débito ou crédito -non se acepta metálico-, facer o ingreso na conta do Concello e despois entregar o xustificante ou ben domiciliar o pago, tal e como se recolle na ficha de solicitude.

Porén, no caso dos abonos só hai a posibilidade de pagalos directamente na Casa da Cultura con tarxeta ou facer o ingreso no banco, xa sexa directamente ou por transferencia, adxuntando despois o xustificante á folla de solicitude.

Concepto

Importe (€)

Entrada individual diaria de persoas adultas

3,33 €

Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos

1,68 €

Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos)

29,52 €

Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos)

37,96 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello)

52,72 €

Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello)

63,27 €

Abono de tempada familiar, por cada persoa a partires da 5.ª (independente do empadroamento)

5,27 €

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroados (ata 14 anos)

12,65 €

Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas non empadroados (ata 14 anos)

15,82 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello

21,09 €

Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroados no Concello

26,36 €

 

Folla de solicitude para as escolas de natación
Folla de solicitude de abonos de temporada

Share.