Xa se poden solicitar as bonificacións no IBI do ano que vén

0

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns 3 de decembro a aprobación definitiva das modificacións na ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles -a “contribución”- aprobada en pleno o pasado 5 de outubro. O novo texto introduce varias modificacións, entre as que destacan a rebaixa do tipo impositivo da rústica e a creación de novas bonificacións tanto para as explotacións agropecuarias como para os inmobles incluídos en Rede Natura 2000. Tal e como quedou patente na sesión en que foron debatidos, os cambios obedecen en boa medida á intención municipal de paliar os efectos do proceso de revisión catastral emprendido polo Ministerio de Facenda, que resultou en preto de 700 expedientes. En calquera caso, a entrada en vigor da ordenanza significa que ata o 31 de decembro se poden solicitar no Concello  as bonificacións do imposto para que a rebaixa se aplique nos recibos de 2019. No caso dos inmobles en Rede Natura non será necesario pedilas, xa que será a propia Administración local quen as tramite de oficio.

Segundo reflicte o novo texto da ordenanza reguladora, aqueles inmobles dedicados “total e exclusivamente” ás actividades agrícolas, gandeiras e forestais relacionadas co sector primario contarán cunha bonificación dun 95% na cota íntegra do recibo, sempre e cando as persoas titulares cursen a correspondente solicitude para que o Concello poida declarar o seu “especial interese” e aplicar o desconto, que será dun 50% se no ben conviven outros usos.

As solicitudes poderán facerse en calquera momento de agora en diante. Porén, dependendo de cando se presenten e se aproben -deben ser ratificadas en pleno se cumpren os requisitos- o seu efecto poderá ser para o ano en curso ou xa para o seguinte. Explicámonos: os padróns do IBI de cada ano  apróbanse habitualmente entre abril e maio. Desta maneira, todas as peticións que se reciban e se acepten antes de darlle o visto bo a ese listado serán xa efectivas nese mesmo ano, mentres que as presentadas con posterioridade serán de aplicación no recibo do ano seguinte. Así, quen cumpra as condicións reflectidas na nova ordenanza ten desde agora ata marzo-abril, aproximadamente, para pedir a rebaixa da contribución no recibo de 2019.  RECTIFICACIÓN DA INFORMACIÓN: Tras consultalo hai uns días coa Deputación da Coruña -institución que ten delegada a xestión do cobro do IBI-, os servizos de recadación dese organismo indícannos que a solicitude de bonificacións debe presentarse antes do 31 de decembro do ano en curso para que teña efecto ao ano seguinte. É dicir -e aí está a rectificación- para que se apliquen as bonificacións nos recibos de 2019 hai que solicitalas no Concello, como moi tarde, o 31 de decembro de 2018 a través da Sede Electrónica e o 28 de forma presencial. Unha vez formulada e aceptada a petición xa non será necesario volver pedila no futuro, a menos que cambien as condicións en canto aos usos do ben.

A outra modificación importante no IBI é a bonificación dun 50% sobre a cota íntegra que deban pagar os bens urbanos situados dentro de Rede Natura 2000. Neste caso a bonificación non haberá que pedila, senón que será aplicada de oficio polo Concello, quen lle comunicará á Deputación -organismo que xestiona a cobranza- as referencias catastrais dos bens con dereito á rebaixa que, ademais, será compatible coa referida aos bens rústicos.

En total son 20 lugares das parroquias de Naraío e Igrexafeita  (Vilarbó, Riolimpo, Os Paraños, O Furado, Chao do Pío, Racamonde, Os Carboados, Tiraz, Carrío, Vilarvello, Sopenedo, Solposto, Os Gaiteiros, A Camposa, A Fraga, A Ermida, Os Miguelares, O Cando, O Castro e Sotullo) que, segundo a ordenanza, se caracterizan polo seu vencello ao sector primario e por non contar cun nivel de servizos, infraestruturas e equipamentos colectivos equiparable ao doutras zonas do municipio.

A terceira variación que recolle o texto publicado este luns no BOP é a de reducir nun 25% o tipo impositivo de toda a contribución dos bens rústicos, pasándoa do 0,8 ao 0,6, practicamente o mesmo que o tipo da urbana, fixado no 0,605.

Descargas
Texto íntegro da ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles
Formularios de solicitude de bonificacións

Share.