Xa se poden solicitar as axudas autonómicas para a hostalaría e outras actividades que estiveron pechadas

0

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte a convocatoria da nova liña de axudas directas ao sector da hostalaría e outras actividades pechadas polas medidas sanitarias adoptadas desde xaneiro, coa que se completa a activación íntegra do 2º Plan de rescate da Xunta. Este plan ten en conta, ademais das da hostalaría, as necesidades doutras actividades afectadas polas restricións que significaron o peche doutros establecementos como poden ser os ximnasios, salas de espectáculos ou parques de ocio infantil, entre outros. As axudas  irán dos 1.900 aos 3.700 euros, mediante a ponderación da duración dos peches, e con compensacións para os negocios con 10 ou máis persoas empregadas. O prazo de solicitude desta liña está aberto desde hoxe até o 23 de marzo a través da Sede Electrónica da Xunta. 

Para acceder ás axudas  bastará con que as persoas solicitantes desenvolvan a súa actividade nalgún concello de Galicia e tivesen que pechar polas restricións ordenadas en xaneiro polas autoridades sanitarias. Ademais da hostalaría, nas ordes con medidas sanitarias aprobadas este ano víronse afectados, entre outros, sectores como o de espectáculos, actividades recreativas e de lecer, cines, teatros, auditorios, ximnasios, centros de lecer infantil, escolas de música e danza, ou de actividade feirante.

No caso da hostalaría computará como tempo de inactividade o período no que un determinado establecemento mantivese pechado o interior e a barra, a pesares de manter o servizo en terraza ou para recoller. Excepcionalmente, por mor da situación actual, poderán acceder ás axudas os negocios que teñan contraído pequenas débedas coas administracións públicas, sen prexuízo de que deban cumprir coas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

Os pagamentos serán únicos tanto para a hostalaría -tamén casas de turismo rural, hoteis, hostais en territorios afectados por peches perimetrais- como para as outras actividades recollidas na orde, sempre que se cumpran os requisitos e até esgotar o crédito dispoñible: 1.900 euros se o peche é desde o 27 de xaneiro, 2.200 euros se o peche se produciu desde o 21 de xaneiro e 2.700 se o peche foi resultado de dúas ou máis ordes.  Ademais, no caso de atraccións de feira márcase unha cantidade fixa de 2.700€. Se se sobrepasan as 10 persoas empregadas, a axuda incrementarase en 1.000 euros en todos os apartados anteriores.

Para resolver dúbidas sobre o programa a Xunta ten habilitada a liña de teléfono 900 815 600 e a conta de correo electrónico hola@gohu.es; ademais da aplicación móbil Gohu dispoñible para iOS e Android. Tamén pode obterse toda a información por medio da web da Consellería de Emprego e Igualdade.

Liña 1 (publicada o xoves pasado para persoas autónomas e microempresas)

Liña 2 (dirixida a hostalaría e outras actividades pechadas)

.

Share.