Xa se poden reservar espazos para a Feira da Plantación

0

O último domingo de mes, o día 28, San Sadurniño volverá tinguirse das cores da primavera na 24ª edición da Feira da plantación,  o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo. A cita é un dos eventos máis concorridos de todos cantos se celebran no concello pola variedade e calidade da oferta de planta de temporada, árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o contorno do colexio público e o campo do bispado no lugar ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e, este ano, tamén maquinaria. Os postos que queiran participar poden tramitar ata as 14.00h. do día 24 de abril a súa solicitude.

A feira está organizada polo Concello con colaboración de Planteles Vivergal, da Deputación da Coruña e da Asociación Brío e este ano arrímalle ao programa principal varias actividades paralelas que incluso se desenvolverán nos días anteriores e posteriores ao domingo 28 de abril.

Un dos obxectivos da área de Desenvolvemento local é ampliar a repercusión social do evento por medio da formación no ámbito rural e da sustentabilidade e por iso se programaron  arredor desa data as xornadas “Apostando polo sector primario”. Así, o venres 26 de abril ás 19.30h. Marcos Varela ofrecerá na Casa da Xuventude unha sesión con entrada libre sobre os produtos do agro centrada principalmente no etiquetado e comercialización do mel.

Ao día seguinte –sábado 27 de abril e véspera da feira- comezará o curso anual de iniciación á apicultura coorganizado polo Concello e a Casa do Mel. Haberá tres xornadas máis os días 4, 5 e 11 de maio en horario de 9 a 14.00h. e para esta acción formativa ofértanse un máximo de 20 prazas, gratuítas para a veciñanza de San Sadurniño e persoas asociadas á Casa do Mel (para o resto custará 40€). As inscricións hai que facelas chamando ao 981 490 027 antes das 14.00h. do 24 de abril.

Na mesma liña, o venres 3 de maio a partir das 19.00h. a Casa da Xuventude tamén acollerá dúas charlas consecutivas ao respecto das técnicas agroecolóxicas para mellorar a calidade de froita e sobre as obrigas fiscais de quen obteña unha renda complementaria pola produción e venda de produtos agrícolas. Das ponencias encargaranse o enxeñeiro Marcos Besada e a técnica do SLG Conchi Bogo. A actividade está organizada pola AGFA do Eume e non require inscrición previa.

A última proposta formativa de “Apostando polo sector primario” traerá a San Sadurniño ao enxeñeiro Xan Pouliquen, un dos referentes galegos sobre agroecoloxía e sustentabilidade. O venres 10 a partir das 19.00h. falará na Casa da Xuventude sobre a elección axeitada de especies para sebes e peches vexetais, comentando tamén as súas funcións e os beneficios que lle reportan aos cultivos. O experto acode convidado pola Asociación Agroecolóxica a Cortiña e para asistir tampouco é necesario apuntarse.

O programa da XXIV Feira da Plantación
Volvendo ao tema principal, o programa do día 28, xa se pode adiantar que a XXIV Feira da plantación de San Sadurniño vai manter a disposición e a estrutura de anos anteriores. É dicir, ofrecendo a carpa principal para a flor, a planta ornamental e a artesanía relacionada, e reservando a rúa paralela ao CPI para dispoñer os postos dos morteiros, de produto alimentario fresco e elaborado, de ferramentas e incluso de pequena maquinaria, sexa para o coidado de xardíns ou para a preparación de pequenos plantíos.

A feira desenvolverase entre as 10.00h. da apertura de postos e as 19.30h. da clausura. Tempo no que atopar todo o necesario para plantar, pero tamén para desfrutar do resto de actividades paralelas do programa: ás 12.00 e as 17.00h. haberá un obradoiro infantil de elaboración de queixos, ás 17.30h. a Asociación Brío ofrecerá unha exhibición de baile e, como é tradición, con cada compra que se faga na feira poderemos entrar nos dous sorteos de lotes de produtos que se celebrarán ás 14.15h. e ás 19.15h. Ademais, fágase ou non se faga compra, todo o mundo que pase polo posto do Concello levará de agasallo unha planta ornamental.

O programa complétase co espectáculo do Mago Antón “A volta a Galicia en 313 concellos” dentro dun grande “magomóbil” con capacidade para 70 persoas por función. O reputado ilusionista chega a San Sadurniño cunha proposta de 50 minutos de maxia e humor, da que ofrecerá seis pases con entrada gratuíta, tres pola mañá -ás 11.30, 12.30 e 13.30h.- e tres pola tarde, ás 16.30, 17.30 e 18.30h.

Os postos que desexen participar na feira teñen nesta ligazón as bases e maila folla de inscrición, que deberá presentarse antes das 14h. do día 24 de abril no rexistro municipal, por correo postal ou enviándoa a agustin.perez@sansadurnino.gal.

 

Share.